Cultura apoia o labor de divulgación do Instituto de Estudos Chairegos no seu 20 aniversario
Lugo, 2 de setembro de 2020.- A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e a presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), Marisa Barreiro, asinaron un convenio de colaboración polo que a área de Cultura achega 6.000 euros á entidade.
“É necesario seguir apoiando o traballo de asociacións como o Iescha, que leva 20 anos mantendo viva e divulgando a cultura e as tradicións da Terra Chá, e por extensión a cultura galega, organizando cada ano máis de 30 actividades” sinalou Maite Ferreiro.
Pola súa parte, Marisa Barreiro destacou “o importante apoio da base social coa que conta a entidade, que se achega aos 400 socios, así como das institucións que permiten levar adiante o seu labor de xeito serio e responsábel”.
A axuda dedicarase á publicación de dous libros: O Caderno de Estudos Chairegos, unha publicación bianual, que xa vai pola súa 10 edición e que recolle artigos de interese e unhas 200 fotografías que forman parte do arquivo fotográfico do IESCHA, que conta con máis de 16.000 imaxes; e un traballo sobre o grupo Xorima, referente da música tradicional dos 80, “unha agrupación de orixe vilalbés, composta por rapaces moi novos que foron pioneiros en numerosos aspectos do folk, incluído o uso de teclados” explicou Marisa Barreiro.