Cultura
Deputación de Lugo

Abre o prazo para solicitar as axudas a asociacións da área de Cultura, cun importe total de 230.000 euros

asociacións culturais
axudas
cultura
Maite Ferreiro
axudas para asociacións culturais
As achegas poderán destinarse a actividades ou a investimentos en instalacións e equipamento de espazos de uso cultural

Lugo, 6 de setembro de 2020.-  As asociación culturais da provincia poden solicitar xa as axudas de concorrencia competitiva convocadas pola área de Cultura, cun importe total de 230 mil euros. O prazo para presentar as solicitudes comeza este luns, 7 de setembro, e manterase aberto ata o vindeiro 18 de setembro.

As asociacións poden optar a dúas liñas de axudas: unha destinada á organización de actividades e iniciativas de dinamización cultural, e outra dirixida a investimentos en instalacións e equipamento de espazos propios ou cedidos.

A vicepresidenta e deputada de Cultura, Maite Ferreiro, explicou que con esta liña de axudas ““continuamos colaborando coas asociacións que dinamizan a vida cultural da provincia, máis especialmente nestes tempos de incerteza nos que as asociacións teñen que cinguirse ás medidas de prevención fronte á Covid 19 e levar a cabo proxectos que non saben como van acabar”.

Tamén subliñou a novidade da convocatoria destinada a investimentos en espazos culturais, “unha liña nova coa que se pretende promover a creación de espazos culturais de proximidade, que permitan programar actividades por todo o territorio, de pequeno formato, como esixe a situación sanitaria, e preto da xente”.

A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Deputación de Lugo. Ademais da calidade e interese do proxecto ou actuación desde o punto de vista cultural, patrimonial e etnográfico, para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, valorarase as iniciativas que promovan a igualdade de xénero, a integración de persoas con capacidades diferentes ou as relacións interxeneracionais. Tamén se considerará a dispersión territorial e poboacional do municipio no que a asociación teña a súa sede.