Maite Ferreiro asistiu a un encontro de profesionais do teatro de Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi no Centro Cultural do Vello Cárcere
Lugo, 16 de setembro de 2020.- A Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, asistiu esta mañá ao encontro Habitación Peregrina PRO, que reúne profesionais de Galiza, Asturies, Cantabria e Euskadi no Centro Cultural do Vello Cárcere de Lugo durante esta semana.
As xornadas enmárcanse no proxecto Camiño Escena Norte, que promove o intercambio cultural entre os territorios da ruta histórica do Camiño Norte a través do teatro e que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O encontro, que remata este xoves, está a servir para que as profesionais do sector entren en contacto, coñezan as liñas de traballo e circuítos de programación nos distintos territorios e exploren vías de coprodución, ademais de reflexionar sobre a realidade do sector nas circunstancias actuais.
Maite Ferreiro sinalou que “é un pracer acoller en Lugo este encontro de Camiño Escena Norte, un proxecto ao que contribuímos convencidas da necesidade do intercambio cultural como ferramenta para fomentar a innovación e a creatividade, neste caso entre os grupos de teatro. A creación deste corredor cultural é unha proposta moi importante de cara a dinamizar a escena cultural actual, atraer máis público e máis novo ao teatro e afianzar os espazos culturais existentes, mais nun momento de incerteza no que temos que insistir en que a cultura é necesaria e segura”.