Último día para solicitar as axudas a asociacións da área de Cultura, que destina un total de 230 mil euros aos colectivos de base
Lugo, 17 de setembro de 2020.- Este venres 18 de setembro remata o prazo para solicitar as axudas a asociación culturais convocadas pola área de Cultura, cun importe total de 230 mil euros.
A vicepresidenta e deputada de Cultura, Maite Ferreiro, animou “aos colectivos da provincia que aínda non o fixeron a solicitar as achegas, tanto para a organización de actividades de dinamización cultural como para acondicionar ou mercar equipamento para os seus locais”.
"Desde a área de Cultura, consideramos prioritario protexer o tecido asociativo, contribuír a que afronten nas mellores condicións estes tempos de incerteza. A súa continuidade é fundamental para a dinamización e a creación cultural en todo o territorio”, incidiu Ferreiro.
A tramitación das solicitudes debe facerse a través da sede electrónica da Deputación de Lugo. As bases da convocatoria e os formularios necesarios para completar o procedemento poden descargarse na web cultura.deputacionlugo.gal.
Ademais da calidade e interese do proxecto ou actuación desde o punto de vista cultural, patrimonial e etnográfico, para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, valorarase as iniciativas que promovan a igualdade de xénero, a integración de persoas con capacidades diferentes ou as relacións interxeneracionais. Tamén se considerará a dispersión territorial e poboacional do municipio no que a asociación teña a súa sede.