Cultura
Deputación de Lugo

A xornada de divulgación do patrimonio do Museo de Lugo abordará a estrutura e simbolismo das saunas castrexas

MUSEO DE LUGO
Arqueoloxía
AURELIA BALSEIRO
Maite Ferreiro
REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL
SAUNAS CASTREXAS
Presentación da xornada no refectorio do Museo de Lugo.
O encontro, que se celebrará o 16 de outubro, poderá seguirse de forma presencial e en liña

O vindeiro 16 de outubro celebrarase no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a terceira edición da Xornada de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, baixo o epígrafe “Saunas Castrexas: estrutura e significado dos monumentos con forno”

A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro e a directora do Museo de Lugo Aurelia Balseiro presentaron esta mañá a xornada na que participarán investigadores e arqueológos vinculados aos estudos e intervencións arqueolóxicas que se teñen feito na provincia sobre estas construcións, esparexidas polo noroeste peninsular e vinculadas a ritos e cultos relacionados coa auga.

Aurelia Balseiro destacou a presenza destas estruturas arqueolóxicas na provincia onde nos últimos anos se localizaron a sauna do Castro de Castañoso, na Fonsagrada, excavada entre 2015 e 2017; a de San Cibrao, en Cervo, da que se teñen datos desde os anos 70 e na que se fixeron unhas catas en 2019; e a de San Xusto de Cabarcos, en Barreiros, achada recentemente polos colectivos Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo.

Pola súa banda, a vicepresidenta Maite Ferreiro indicou que “a xornada é unha forma de visibilizar e poñer en valor esa riqueza patrimonial  e tamén de analizar e propoñer formulas para lograr que, ademais de darnos claves sobre a nosa identidade, esas estruturas arqueolóxicas sirvan para a dinamización cultural e social desas zonas”.

A xornada poderá seguirse de forma presencial, modalidade limitada a 25 persoas, e en liña, previa inscrición na web da Rede Museística Provincial.