Medio Rural e do Mar, Mocidade
Cultura
Deputación de Lugo

Homenaxe ás estudantes Ainhoa Fernández e Andrea Valle, que espallaron nas redes a súa mensaxe de reivindicación das mulleres rurais

Muller rural
dinamización lingüística
Ainhoa Fernandez e Andrea Valle diríxense ao público durante o acto

Lugo, 17 de outubro.- Ao fío da celebración do Día Internacional da Muller Rural o pasado xoves, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo organizou esta mañá no Pazo de San Marcos un acto de recoñecemento ás mulleres rurais, cun coloquio coas estudantes Ainhoa Fernández e Andrea Valle, alumna e exalumna do IES de Becerreá, coautoras do vídeo “Gandeiriñas de Galicia” que, cunha mensaxe de reivindicación das mulleres do rural, se volveu viral durante o confinamento.

Durante o acto proxectouse o vídeo, que mestura os versos de Andrea Valle cunha montaxe fotográfica de Ainhoa Fernández,  e ambalas convidadas expuxeron o espíritu que animou a súa creación.

“Cremos que actos coma este, de homenaxe ás mulleres rurais por parte das institucións, son moi necesarios porque o seu traballo segue a estar invisibilizado e pouco valorado”, coincidiron en sinalar as dúas rapazas, convencidas de querer facer a súa vida profesional no rural, “como mestra” e “veterinaria”.

“Quixemos facer unha homenaxe ás nosas nais, avoas, a todas as mulleres que loitaron por sacar as súas familias adiante, e eliximos a Andrea e Ainhoa porque o seu vídeo recolle dunha forma moi emocionante esa mensaxe. Ademais son dúas rapazas que queren apostar polo rural tamén para o seu futuro. Elas recórdannos a obriga que temos as institucións de traballar para garantir que calquera persoa que o queira poida desenvolver o seu proxecto de vida no rural”, explicou a vicepresidenta Maite Ferreiro.

A creación do vídeo xurdiu dun proxecto proposto polo Equipo de Dinamización Linguística do IES de Becerreá, cuxa labor tamén foi recoñecida durante o acto, así como o do resto do profesorado.