Esta tarde proxectouse no Pazo de San Marcos o documental Carvalho Calero Sen Fronteiras, dirixido por Aser Álvarez
Lugo, 31 de outubro de 2020.- Esta tarde estreouse en Lugo o documental Carvalho Calero. Sen Fronteiras, un traballo audiovisual dirixido por Aser Álvarez que aborda a complexidade e amplitude da figura do autor homenaxeado polas Letras Galegas a través de material de arquivo, de conversas e entrevistas con familiares, expertos, alumnos e discípulos, así como historiadores, outros literatos, académicos, amigos e críticos.
A filla do intelectual ferrolán Margarida Carvalho Calero Ramos así como os seus netos e Siña Fernández, directora do Colexio Fingoi, onde Carvalho Calero exerceu como profesor durante a súa etapa en Lugo, acudiron a proxección do audiovisual no Pazo de San Marcos
“Apostamos nesta produción polo compromiso que temos coa creación cultural, coa lingua e coa celebración das Letras Galegas. Sendo Carvalho Calero o homenxjeado, o compromiso era maior. Tratábase de contribuir á difusion da vida e da obra dun escritor e intelectual, fortemente vinculado a Lugo onde pasou algo máis de 15 anos, a Nós, a revista e o proxecto cultural que transformou e colocou Galiza no mundo, e sobre todo unha figura coa que cremos que a cultura galega tiña e ainda ten unha pendente”, explicou a vicepresidenta Maite Ferreiro.
Nesa liña, valorou necesario “prolongar o ano de Carvalho Calero ao 2021, para seguir profundizando no coñecemento da súa obra literaria, da súa produción académica e do seu pensamento”.
A área de Cultura remitirá aos centros escolares, as bibliotecas e as asociacións culturais da provincia unha ligazón para visionar o documental Carvalho Calero. Sen Fronteiras. Tamén se distribuirán 500 exemplares dunha publicación homónima, con textos e fotografías do intelectual ferrolán.
Achegamos fotografías da presentación, con Maite Ferreiro e Aser Álvarez na mesa, e Margarida Carvalho Calero Ramos e outros membros da familia lucense do autor entre o público.