Cultura
Deputación de Lugo

O público elixirá a través dunha votación en redes sociais as películas que se proxectarán en autocine os vindeiros 13, 14 e 15 de novembro

Maite Ferreiro
Autocine
Sarria
Lugo
Lugo e Sarria acollerán as seis sesións previstas, tres delas pensadas para público infantil

Lugo, 2 de novembro de 2020.-   Lugo e Sarria acollerán os vindeiros 13, 14 e 15 de novembro seis sesións de autocine, organizadas pola área de Cultura en colaboración cos concellos. A carteleira decidirase a través dunha votación nas redes sociais da Vicepresidencia da Deputación de Lugo (@vicedepulugo), que comeza este luns ás 22.00 horas e que se alongará ata o xoves ás 22.00 horas.

O público poderá elixir os filmes que se proxectarán de entre unha escolma de fimes en galego na que figuran  producións galegas como “A lingua das bolboretas”,  “A praia dos afogados” ou “Quen a ferro mata”, clásicos dobrados ao galego como “Gran Torino”, “Pulp Fiction” ou “Fargo”  e producións dirixidas ao público infantil e familiar como “O Apostólo” e “Pérez 2” ou “Os goonies” e “E:T.”

A deputada de Cultura Maite Ferreiro indicou que “con este abano de filmes se pretende chegar a un público diverso, que queira desfrutar da experiencia de ver cine dunha forma diferente, cunha loxística e unha posta en escena moi atractiva, con moitos referentes cinematográficos”.

As películas proxectaranse nunha pantalla led de 24 metros cadrados de superficie visible. O son transmitirase por FM, polo que se poderá escoitar a través dos altofalantes ou do equipo de cada vehículo.

Maite Ferreiro explicou que “a tramitación se alongou máis do que previamos polo que, finalmente, optamos por facer coincidir as proxeccións cun mes no que o cine terá un gran protagonismo na axenda cultural e de ocio de Lugo, xa que do 23 ao 28 de novembro se celebrará a Semana de Cine, que tamén conta coa colaboración da área de Cultura”.