Cultura
Deputación de Lugo

O Centrad cede instrumentos da súa colección medieval para a exposición “Afonso X e Galicia” que se inaugura esta tarde en Compostela

CENTRAD
instrumentos medievais
EFRÉN CASTRO
vicepresidencia
AFONSO X
A mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega, contra cunha viola, unha cítola e unha arpa da Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros do Centrad

A Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros do Centro de Artesanía e Deseño é protagonista da mostra “Afonso X e Galicia” que se inagura hoxe na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela.

 

O Centrad cedeu unha viola, unha cítola e unha arpa para este proxecto expositivo, promovido e organizado polo Consello da Cultura Galega no 800 aniversario do nacemento de Afonso X.

 

Trátase de instrumentos de corda deseñados e elaborados no marco de distintos proxectos de investigación desenvolvidos no obradoiro de instrumentos arredor da música medieval.

 

Ademais o director da Colección de Instrumentos do Centrad Luciano Pérez foi o responsable da selección e contextualización dos instrumentos da mostra, que propón unha achegamento á figura de Afonso X e ás Cantigas de Santa María como testemuño visual e sonoro da Idade Media galega e europea, aos intrumentos e á cultura galega da época.

 

O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro Caloto explicou que “desde o Centrad estamos sempre abertos a colaborar en proxectos e iniciativas que teñan interese para o conxunto do pais”, neste caso aproveitandoo traballo de recuperación do patrimonio musical que se ven facendo desde o obradoiro de instrumentos, que este ano celebra o 70 aniversario da súa creación”

 

A presenza nesta exposición contribuirá a un maior recoñecemento da calidade da Colección de Instrumentos da que podemos desfrutar de forma permanente no Centrad, e que conta cunha das mostras de instrumentos de corda medievais máis importantes de Europa”, engadiu o deputado nacionalista.

 

A exposición “Afonso X e Galicia” estará aberta ao público na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela até o 24 de abril para logo iniciar unha itinerancia por Galiza.