A Vicepresidencia renovará o seu apoio ao Conservatorio de Vilalba, que forma arredor dun cento de alumnos e alumnas da Terra Chá
A vicepresidenta Maite Ferreiro anunciou que a área de Cultura renovará o seu apoio ao Conservatorio Profesional de Música de Vilalba, ao que destinará unha achega de 15.000 euros.
A Vicepresidencia colaborá así no funcionamento do centro, no que reciben formación musical arredor dun cento de alumnos e alumnas de Vilalba e doutros concellos da comarca da Terra Chá que cursan os graos elemental e profesional en diferentes especialidades instrumentais.
Maite Ferreiro sinalou que “a través desta achega colaboramos co Concello de Vilalba no mantemento do conservatorio que ademais de facilitar a formación musical a nivel individual tamén ven contribuíndo desde a súa creación a unha especial afección e sensibilidade de cara a cultura musical en toda a comarca”
A vicepresidenta sinalou “o esforzo e a perseverancia que require completar a formación musical” e incidiu “na necesidade de que os mozos e mozas que apostan pola música como saída profesional teñan a posibilidade de facelo en Galiza”.
A achega formalizarase a través dun convenio de colaboración co Concello de Vilalba, titular do centro, ubicado no edificio multiusos do Auditorio Municipal. Renovarase así a colaboración que a área de Cultura mantén co funcionamento do conservatorio, que tamén recibiu unha achega de 15.000 euros na pasada anualidade.