A Vicepresidencia pon en marcha a programación ilustrarNÓS, con actividades arredor da ilustración e as artes gráficas en centros educativos
Tamén se convocará unha certame de ilustración, aberto a participación de todo o alumnado
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro presentou esta mañá a programación ilustrarNÓS, que inclúe diferentes actividades arredor da ilustración e das artes gráficas en centros educativos da provincia.
Tomando como punto de partida o Día da Ilustración, que se celebra o 30 de xaneiro coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao, a área de Cultura desenvolverá un catálogo de propostas coas que pretende ampliar o coñecemento desta expresión artística, das súas técnicas e creadores e creadoras, e fomentar a creatividade.
A programación inclúe unha vintena de obradoiros, charlas e intervencións artísticas en centros educativos da provincia e un certame escolar, aberto á participación de alumnado de primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos.
Maite Ferreiro sinalou que “por primeira vez desenvolvemos desde a área de Cultura unha programación que pon o foco na ilustración e facémolo de man dos centros educativos porque consideramos que se trata dunha expresión artística que conecta moi ben co público novo, pola súa conexión co mundo editorial pero tamén coa animación, cos videoxogos, co cinema ou coa arte urbana”.
“Propoñemos aos centros educativos distintas formas de participar nesta iniciativa, que pretende mergullar o alumnado na arte da ilustración, e tamén para poñer en valor a obra de creadores e creadoras galegas deste eido, comezando por Lola Díaz Baliño, a quen se dedica este ano o Día da Ilustración, e por Castelao, que inspirou a celebración desta efeméride desde 2014”.
I Certame IlustrarNós
Co interese de difundir a obra de Castelao, fomentar a creatividade a través da Ilustración e descubrir novos valores, o convocarase o I Certame de Ilustración ilustrarNÓS, dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, 1º e 2º de ESO, 3º e 4º de ESO e Bacharelato e Ciclos Formativos dos centros educativos da provincia de Lugo.
Como punto de partida para os traballos, ofreceranse citas de Castelao que o alumnado terá que interpretar e plasmar nunha ilustración.Un xurado formado por profesorado da Escola de Artes Ramón Falcón de Lugo e do Máster de Libro Ilustrado e Cinema de Animación da Universidade de Vigo e por profesionais da ilustración de recoñecida traxectoria seleccionará os mellores traballos.
A dotación do premio consistirá en catro lotes (un por categoría) composto por material gráfico e tecnolóxico relacionado co mundo do deseño e a ilustración.
Obradoiros e charlas
Os centros educativos tamén acollerán nos vindeiros meses diferentes actividades relacionadas co mundo do deseño e a ilustración, pensadas para alumnado de diferentes niveis.
As actividades nos centros de primaria correrán a cargo de Polo Correo do Vento, colectivo cunha amplísima traxectoria, especializado en actividades pensadas para o público máis novo co fin de promover a expresión artística e o desenvolvemento da creatividade, así como a lectura e a comprensión oral en galego.
A ilustradora Beatriz Lema visitará os centros de secundaria para falar do proceso creativo e o oficio de ilustrar desde a súa perspectiva profesional e dirixirá un encontro-obradoiro na Escola Ramón Falcón. A escola de arte lucense tamén acollerá unha charla-taller a cargo da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).
Intervencións artísticas
A axenda de ilustrarNÓS completarase cunha ducia de intervencións en centros de primaria e secundaria, a cargo de ilustradoras, muralistas e deseñadores que deixarán a súa pegada en espazos habilitados nos centros que queiran sumarse á iniciativa. Os murais remitirán á figura e obra de Castelao ou da debuxante e pintora Lola Díaz Baliño, a quen se dedica o Día da Ilustración 2021.
Maite Ferreiro explicou que “estamos en contacto cos centros educativos e coas asociacións de nais e pais para definir os espazos máis axeitados para estes murais, que cremos que son, como o resto das actividades, un bo recurso para traballar sobre a arte e a imaxe, e tamén sobre artistas que amosaron a súa creatividade en distintos formatos e cuxa obra cómpre lembrar como referente para os novos creadores e creadoras”.
Calendarios e formatos abertos
A vicepresidenta sinalou que “a pandemia obrigaranos a traballar nos vindeiros meses en condicións diferentes das que nos gustaría, en grupos reducidos, con calendarios abertos, e formatos en liña, se a situación sanitaria o require, pero cremos que a creación artística non poden perder terreo, senón gañalo, por iso convidamos aos centros educativos a participar desta programación, que propoñemos este ano con vontade de darlle continuidade nos vindeiros”, concluíu.
Día da Ilustración
O Día da Ilustración celébrase desde 2014 cada 30 de xaneiro. A efeméride coincide co aniversario do nacemento de Castelao quen, como creador e divulgador, deixou a súa pegada plasmada en numerosas ilustracións, caricaturas e escritos, converténdose en cabeceira dunha grande lista de artistas que a ilustración galega foi dando ao longo do tempo.
Desde 2017, o Día da Ilustración dedícase a homenaxear artistas que amosaron a súa creatividade en distintos formatos e cuxa obra cómpre lembrar. Este ano, a protagonista da efeméride é a debuxante e pintora Lola Díaz Baliño (A Coruña,1905-1963), que abríu camiño para moitas artistas que viñeron despois. Foi xunto a Carme Corredoyra a primeira muller en ingresar como académica na Real Academia Galega de Belas Artes, en febreiro de 1938.