Cultura

Laura LaMontagne, Pauliña e Branca Villares porán música ás reivindicacións do 8M

As artistas actuarán no Gustavo Freire de Lugo o venres (19.15 horas) nun concerto que tamén se retransmitirán en directo (19.15 horas) a través da canle de Youtube da Vicepresidencia

As entradas, de balde, poderan reservarse desde o xoves en entradaslugo.es ou mercarse na billeteira do auditorio antes das actuacións

 A Vicepresidencia da Deputación de Lugo volve apostar pola programación cultural para visibilizar as reivindicacións feministas do 8M. Laura LaMontagne & Pico Amperio, Pauliña e  Branca Villares, con Proxecto Consoante, actuarán o venres 5 de marzo ás 19.15 horas no Gustavo Freire de Lugo. As entradas, de balde, poderán reservarse desde o xoves 4 na plataforma entradaslugo.es ou na billeteira do auditorio desde unha hora e media antes do inicio do concerto.

“Recuperamos a música ao vivo, con todas as garantías sanitarias, coa capacidade do recinto  limitada en función das medidas de prevención fronte á Covid19 e a distancia interpersoal recomendada. Ademais, como se ven facendo en todas as actividades culturais que se organizan desde o inicio da pandemia, as persoas asistentes terán que proporcionar os seus datos de contacto ao reservar a entrada”, explicou a vicepresidenta, Maite Ferreiro.

En relación coas artistas, Maite Ferreiro subliñou que se “trata de tres propostas de estilos musicais diferentes pero todas elas lideradas por mulleres, que coinciden nun discurso social comprometido coa igualdade, que cremos que conecta moi ben co carácter reivindicativo do 8M. Estamos convencidas de que a cultura ten un papel importante na creación dunha conciencia colectiva que permita desentrañar as desigualdades que xenera o patriarcado e superalas ”, concluíu.

 

Retransmisión en directo e difusión en liña ata o 14 de marzo

O concerto retransmitirase en directo a través da canle de Youtube da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A súa difusión en liña prolongarase ata o 14 de marzo para facilitar  o seu visionado ao maior número de persoas.