Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia apoia o proxecto teatral “Saír, por un intre” no módulo terapéutico do centro penitenciario de Monterroso

vicepresidencia
cultura
Maite Ferreiro
CENTRO PENITENCIARIO MONTERROSO
Teatro
SAÍR POR UN INTRE

A área de Cultura prestará apoio ao proxecto “Saír, por un intre”, un obradoiro de teatro que se levará a cabo na unidade terapéutica do centro penitenciario de Monterroso. A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro, a actriz Cristina Collazo, responsable do proxecto, e Paula Polo, educadora social de Aliad Ultreia, anunciaron esta mañá a colaboración que permitirá dar continuidade e reforzar unha actividade que comezou a programarse en 2016 na unidade terapeútica, un módulo específico no que se traballa coas persoas no abondono do consumo de drogas.

Maite Ferreiro valorou o proxecto, que “dá a oportunidade de incrementar o acceso á cultura para a poboación reclusa, con todo o que iso aporta ao desenvolvemento integral da persoa. Desde Vicepresidencia, acreditamos na cultura como dereito, como ferramenta de transformación social, con capacidade para educar, para xenerar experiencias vitais gratificantes e establecer vínculos e canles de comunicación entre as persoas”

“O apoio a este proxecto responde a esa concepción da cultura e tamén ao compromiso que cremos que as administracións públicas debemos ter coas persoas internas xa que, non debemos esquecer, que a finalidade das penas de privación de liberdade é reinserción e a reeducación”,  argumentou.

O proxecto teatral “Saír, por un intre adiante” enmárcase no Plan de Animación Sociocultural do centro penitenciario que desenvolve a asociación Aliad Ultreia en colaboración co Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da USC.

Tras catro anos de actividade voluntaria, a continuidade e a consolidación do proxecto, que tivo desde o inicio unha moi boa acollida tanto por parte das persoas internas como do equipo terapéutico, requería do financiamento que agora achega a área de Cultura.

A iniciativa desenvolverase de outubro a xaneiro

O obradoiro, que se desenvolverá de outubro a xaneiro, dúas horas á semana xirará entorno ao xogo e a imaxinación, fomentando unha actitude positiva fronte á adversidade.

“A pretensión non vai máis aló que pasar un momento agradable actuando e vendo actuar, desfrutando das posibilidades que o teatro nos ofrece e somerxéndonos en nós mesmas para abrirnos aos demais. Cadaquén poderá elixir a función que quere realizar, dende interpretar, realizar traballos técnicos ou de atrezzo até dirixir.”, explicou Cristina Collazo.

Na actividade, participarán profesionais doutras disciplinas coma a música (coa participación do trompetista e compositor Manuel Paino) ou os títeres ( da man do titiriteiro e actor lalinense Anxo García) para que a montaxe fique o máis completa posibles tecendo así unha rede cultural e interdisciplinar.  Está prevista tamén unha mostra final do espectáculo no salón teatro do centro penitenciario ao que acudirán os familiares dos internos.