Abre o prazo para solicitar un posto no Artesanfroilán e no Mercado de Nadal, organizados pola Vicepresidencia
Este mércores publicáronse no BOP as bases que rexen a adxudicación dos postos de artesanía do Artesanfroilán e do Mercado de Nadal, as dúas mostras de artesanía organizadas pola Vicepresidencia na cidade de Lugo. O prazo de presentación das solicitudes é de 10 días hábiles, desde o 13 ao 27 de maio.
O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, explicou que “adiantamos a publicación da convocatoria para facilitar que os artesáns e artesás poidan elaborar o seu calendario de feiras anuais. Cremos que esta anticipación é a formula máis axeitada para que poidan aproveitar as oportunidades de comercialización que se presenten ao longo do ano. Pola nosa banda, sendo conscientes do impacto que a crise sanitaria tivo no sector, mantemos tamén este ano a gratuidade dos postos”, anunciou.
As convocatorias están abertas a todos os profesionais da provincia que contén coa carta de artesán ou artesá e que teñan o obradoiro inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galiza.
No Artesanfroilán, que se celebrará entre os días 1 e 12 de outubro na Praza Anxo Fernández Gómez, ofrécense 24 postos, con cadro eléctrico, iluminación e enchufe.
No tocante ao Mercado de Nadal, previsto do 21 de decembro ao 5 de xaneiro na Praza de San Marcos, instalaranse 14 casetas, equipadas tamén con cadro eléctrico, iluminación e enchufe. Unha delas estará reservada para produtos de artesanía alimentaria que se rotarán cada dous días, polo que poderá albergar un máximo de 7 obradoiros.
Podes descargar aquí o BOP 12/05/2021, coas bases e os modelos de solicitude.