Medio Rural e do Mar, Mocidade
Cultura
Deputación de Lugo

Mocidade apoia o Festival Osa do Mar de Burela, que arranca este domingo concertos de Grande Amore e Antía Muíño

mocidade
VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
OSA DO MAR
Burela
Mónica Freire
FANTO FANTINI
MÚSICA EN GALEGO

A área de Mocidade da Deputación de Lugo colabora coa Asociación Cultural Fanto Fantini na organización do festival Osa do Mar, que programa para este domingo, 16 de maio, os primeiros concertos dunha edición adaptada á situación sanitaria.

Tras a paréntese obrigada do ano pasado, a organización aposta por un formato novidoso, coas actuacións distribuídas en dúas fins de semana: este domingo e os vindeiros 24 e 25 de setembro. O evento transládase a Casa da Cultura de Burela para facilitar o control das medidas de prevención fronte á Covid-19.

A deputada de Mocidade, Mónica Freire, e membros de Fanto Fantini presentaron en Burela o programa deste domingo, con concertos da cantautora Antía Muíño (20:00 horas), unha das voces máis singulares do panorama musical en galego con ecos entre o jazz e bossa nova, e  Grande Amore (21.00 horas), proxecto musical en solitario de Nuno Pico, tras pasar por grupos como Skholma ou Oh Ayatollah.

A xornada, que coincide coa véspera das Letras Galegas, ábrese cun coloquio sobre a situación do galego na música  (19:00 horas) na que, ademais de Nuno Pico e Antía Muíño, intervirán Manolo Maseda, ex Diplomáticos de Monte Alto, e Emilio López, ex Escornabois.

“Despois dun longo debate concluímos que tiñamos que darlle continuidade ao festival, intentando facer unha edición adaptada á situación. Sabemos que seguramente non será o ano máis espectacular pero polo menos será unha nova edición que aportará o seu grao de área para ir pouco a pouco recuperando moitos dos bos costumes”, sinalan desde a organización do festival.

Mónica Freire trasladou os parabéns á Asociación Fanto Fantini “por sacar adiante esta nova edición, cun formato axustado ás circunstancias sanitarias que mantén a aposta pola música alternativa. Desde 2014, que organizaron a primeira edición, veñen demostrando que a mocidade da Mariña está en movemento e que ten enerxía para crear eventos culturais diferentes e proxectar unha imaxe dinámica da comarca”, expuxo a deputada nacionalista.

As entradas para o festival están a venda na plataforma entradium.com a 10 euros.