Cultura
Deputación de Lugo

Efrén Castro participou nun coloquio que abordou a experiencia do Museo de Tor como modelo para o futuro de Meirás

Memoria Histórica
EFRÉN CASTRO
PAZO DE TOR
PAZO DE MEIRÁS

O deputado de Memoria Histórica Efrén Castro asistiu esta mañá a un coloquio arredor da dimensión cultural e histórica dos pazos de Tor e Meirás celebrado no museo monfortino no marco das actividades programadas pola Rede Museística Provincial arredor do Día Internacional dos Museos que se conmemora o 18 de maio.

Baixo o epígrafe “Pasado, presente e futuro da vida dos pazos galegos. Os casos de Tor e Meirás”, os historiadores Pegerto Saavedra, Antonio Saavedra e Carlos Babío e o sociológo Manuel Monge expuxeron a traxectoria destes bens patrimoniais nas últimas décadas.

No caso de Tor, marcadas pola súa actividade como espazo museística tras a cesión á Deputación de Lugo por parte da súa última propietaria, Paz Taboada de Andrés e Zúñiga, e no caso de Meirás, pola loita cívica e política que conseguiu recuperar este ben para o patrimonio público.

Efrén Castro valorou o coloquio como “unha xornada moi positiva na que se puxo en valor o traballo realizado polo historiador Carlos Babío na recollida da documentación que serviu para recuperar Meirás tras o espolio  do franquismo e na que se avaliou o modelo de Tor de cara a futuros usos de Meirás”

“Desde a área de Memoria Histórica consideramos moi positivo que os temas relacionados coa memoria se trasladen a todos os eidos, e esta foi unha boa oportunidade para reflexiionar sobre as consecuencias do fascismo español sobre o patrimonio”, concluíu