Cultura
Deputación de Lugo

O reino suevo centrará os relatorios da IV Xornada de Divulgación Científica do Museo de Lugo

XORNADAS DE DIVULGACIÓN CIENTÍFICA
REINO SUEVO
MUSEO DE LUGO
Maite Ferreiro
VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO

O contexto histórico e a cultura material do reino suevo en Lugo centrará os relatorios da IV Xornada de Divulgación Científica organizadas polo Museo de Lugo, que se celebrarán o 25 de xuño no Pazo de San Marcos. As xornadas presentáronse este xoves no claustro do Museo, nun acto no que interviron a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, a directora do centro, Aurelia Balseiro, e a catedrática da USC no Campus Terra Ana E. Goy.  

Aurelia Balseiro explicou que “dedicamos a xornada ao reino suevo para aproveitar e poñer en valor as pezas desa etapa histórica e tamén para conbruír ao seu coñecemento e recoñecemento” xa que, explicou “hai unha escaseza moi profunda de fontes documentais sobre esta etapa na historiografía tradicional, e as que se conservan están moi subxectivizadas pola visión romana”. “Consideramos que temos que contar a nosa propia historia en función doutras liñas, neste caso da invesgtigación arqueolóxica que se esta está levando a cabo en Galicia desde finais do século pasado, da cultura material ou da numismática e que corrobora que se trata dunha etapa histórica rica e senlleira”, continuou.

Nesta cuestión abondou a catedrática da USC Ana E. Goy Diz, unha das relatoras da xornada, que sinalou “a necesidade histórica e artística de recuperar ese período no que a antiga Gallaecia tivo moito que decir ao resto de Europa. Esa etapa, moi pouco valorada, debe ser estudiada dunha maneira moi especial desde aquí”,

A vicepresidenta da Deputación agradeceu ao Museo de Lugo a iniciativa, “que contribuirá ao recoñecemento dunha etapa histórica que nos legou, ademais de elementos materiais, formas de organización social e económica tan características de Galiza como as parroquias ou os montes en man común”.  Destacou as xornadas como “un punto de encontro e colaboración coa universidade pública, que reivindicamos sempre como referencia de investigación e de cohesión social”.

Exposición divulgativa no Museo desde o 21 de xuño

Ademais dos relatorios programados no Pazo de San Marcos,  no marco desta actividade, a partir do 21 de xu, o  Museo de Lugo instalará na sección de Arqueoloxía unha exposición divulgativa cunha mostra das pezas custodiados polo centro  e datadas entre os s.s. V-VIII no contexto do reinos suevo e visigodo, da invasión árabe e da consolidación do reino asturiano.

Entre as pezas que formarán parte da mostra, inclúense o broche de Baamorto, Monforte (Lugo), unha praca e dous botóns achados en Penadominga, Quiroga, unha cama de freo de cabalo de Santo Hadrián localizada en Triacastela, unha patena localizada en Sarria e vestixiios do  capitel de Santa María de Mosteiro de Guntín.

A exposición será así unha oportunidade para coñecer “unha cultura material que deriva dunha
sociedade complexa e heteroxénea con reminiscencias tardorromanas adaptadas, nalgúns casos, ás tradicións xermánicas, no que xa se constata como un modus vivendi continuista pero con características de seu”, segundo destacan Enrique Alcorta, Mª Ofelia Carnero e Aurelia Balseiro, que colaboran no comisariado da mostra.

Reseña histórica sobre o Reino Suevo

Moi a principios do século V d.C., os perentorios problemas do tardío Imperio romano vense incrementados coas chamadas invasións bárbaras, migracións de grupos de pobos de orixe xermánica que penetran nos territorios imperiais. A duras penas o Imperio romano de occidente conseguirá contelas mediante o esforzo bélico nuns casos ou cos pactos diplomáticos noutros. No 409 d.C., algúns destes pobos –vándalos, alanos, suevos e visigodos-, penetran en Hispania. Tras un breve período de enfrontamento entre eles, conseguen, mediante acordos, delimitar os seus territorios.

Desta maneira, fúndase no Noroeste peninsular, esencialmente sobre a Gallaecia romana, o primeiro reino medieval de occidente baixo o mando suevo con capital en Bracara Augusta(Braga). Na súa época de máximo esplendor, o seu dominio abarcará a metade occidental de Hispania para concentrarse, posteriormente, en Gallaecia e a franxa setentrional hispánica. O seu establecemento e desenvolvemento non será fácil.

Convivindo inicialmente co Imperio romano, ata a súa desaparición no 476, a existencia do reino suevo, do 409/411 ao 585, verase ensombrecida por continuos conflitos de tipo interno e externo con permanente estado de garda contra outros pobos asentados en Hispania. Ao final, estes problemas acabarán co reino suevo, vixente durante pouco máis dun século e medio, ante o empuxe dos visigodos.

A escaseza das fontes documentais contemporáneas, polo demais moi concisas, así como dos achados arqueolóxicos, con elementos igualmente escasos, aínda que moi singulares, caso de Lucus Augusti, e, polo demais, inmersos nun mar culturalmente hispano romano, dificultan o coñecemento deste período dotándoo de trazos "escuros" e pouco definidos ata a época recente. Con todo, e de aquí esta xornada, este período merece a súa reivindicación, en canto a que o reino suevo, primeiro reino hispano, xunto co posterior dominio visigodo, supoñen o tránsito da tardo/baixa romanidade ao altomedievo, constituíndo este lapso unha etapa pouco estudada e/ou coñecida.

Programa

9.30 h. Acreditación asistentes
10.00 h. Presentación oficial
10.15 h. Trocando espadas en rellas de arado: un achegamento á historia e o legado do reino suevo-galaico Carlos Baliñas Pérez. Dr. Historia Medieval e Profesor da USC. Campus de Lugo 11.00 h. As elites bárbaras a partir das evidencias materiais: os suevos Jorge López Quiroga. Dr. en Historia Medieval (Universidad París IV-París,Sorbona). UAM. Natalia Figueiras Pimentel. Historiadora da Arte, conservadora e restauradora. UCM.
11.45 h. Pausa
12.15 h. Bens culturais de tradición xermánica no Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro García. Museóloga e directora do MPL.13.00 h. Mesa redonda: O papel da investigación histórico arqueolóxica na divulgación científica dos séculos V-VII: estratexias de comunicación e transferencia do coñecemento.
Moderada por Aurelia Balseiro, con intervencións dos relatores citados e tamén de Pablo Núñez Meneses, Dr. en Historia Medieval, especialista en Numismática, que nos introducirá na moeda sueva e Ana E. Goy Diz, Catedrática da USC, no eremitismo dos vales do Miño e do Sil durante a Alta Idade Media.14.00 h. Debate-coloquio 17.00 h. Visita técnica explicativa no Museo Provincial de Lugo* (planta 1.ª sección de Prehistoria e Arqueoloxía) á exposición divulgativa sobre a cultura material de tradición xermánica conservada no MPL a cargo dos técnicos do Departamento de Arqueoloxía do MPL: Enrique Alcorta e M.ª Ofelia Carnero. (*presencial ou en liña dependendo das normativas sanitarias)

Inscricións

O formulario ou folla de inscrición estará dispoñible na web do MPL- RMP. As persoas interesadas en participar nas xornadas deberán cubrilo e presentalo telematicamente ou presencialmente no rexistro xeral da Deputación. O prazo ábrese mañá, venres 11 de xuño, e manterase aberto ata o día antes da xornada. A participación pode ser presencial, ata cubrir a capacidade do Salón de Actos de San Marcos, ou en liña.