Cultura
Deputación de Lugo

O Museo de Lugo pon en valor os vestixios do Reino Suevo que conserva na súa sección de Arqueoloxía e Historia

REINO SUEVO
MUSEO DE LUGO
VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN DE LUGO
A exposición "Cultura material de tradición xermánica" recolle vestixios e material divulgativo desta etapa histórica

Este luns inaugurouse  na sección de Prehistoria e Arqueoloxía do Museo Provincial de Lugo a exposición "Cultura material de tradición xermánica", que reúne os restos materiais datados entre os séculos V e VIII conservados polo centro museístico provincial acompañados dun amplo material divulgativo e explicativo.

A través de  paneis con textos actualizados, fotografías, debuxos, etc., documéntase unha escolma de datos e hipóteses ao respecto destes vestixios  tendo como base as recentes  investigacións realizadas e a súa relación coa época tardorromana.

A exposición artéllase en base a un panel introdutorio e outros dedicados á ourivería (De re auri), á produción metalúrxica (De re metalica) e a produción pétrea/cerámica (De re varia) que nos amosan unha rica cultura material derivada dunha sociedade complexa e heteroxénea con reminiscencias tardorromanas adaptadas ás tradicións xermánicas.

A directora do Museo de Lugo,  Aurelia Balseiro, sinalou que "con esta escolma de pezas pretendemos contextualizar o mundo suevo para contribuír ao seu coñecemnto e tamén ao recoñecemento desta parte da historia de Galicia, reivindicando a súa importancia e transcendencia como o primeiro reino medieval de occidente".

A mostra,  comisariada por Aurelia Balseiro, Enrique Alcorta, Mª Ofelia Carnero complementa as Xornadas de Divulgación Cientifica do Patrimonio Arqueolóxico sobre o Reino Suevo que se celebrarán o 28 de xuño. Permanecerá no Museo de Lugo ata o finais de xullo.