A Vicepresidencia colabora coa XV do Certame de Investigación Condado de Pallares, convocado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares
As persoas investigadoras poderán presentar os seus traballos, inéditos e en galego, ata o 30 de setembro
O Museo Provincial de Lugo acolleu a presentación do XV Certame de Investigación Condado de Pallares, convocado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, co obxectivo de promover a investigación nos ámbitos da linguística, a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, a etnografía e o folclore no territorio que conformaba o antigo Condado de Pallares, entre os concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.
As persoas interesadas en participar poden achegar os seus traballos de investigación, escritos orixinais e inéditos en lingua galega, ata o 30 de setembro, remitíndoos por correo certificado, baixo plica, á Casa Reitoral de Ferreira de Pallares, onde ten a súa sede a asociación.
Establécese un único premio de 3.000 euros que será outorgado ao autor ou autora da obra que reúna suficientes méritos científicos . O xurado emitirá o seu fallo nun acto que se celebrará o 6 de novembro. A obra gañadora será publicada.
O presidente da Asocación Condado de Pallares, Carlos Vázquez, sinalou na presentación a relevancia do certame, ao que “nos últimos anos se presentan traballos de persoas investigadoras non só do ámbito territorial do Condado de Pallares, senón tamén do resto de Galicia”. Tamén trasladou o seu agradecemento ás administracións e entidades colaboradoras - a Vicepresidencia da Deputación, Dirección Xeral de Política Linguística da Xunta de Galiza, os concellos de Guntín, Taboada e Chantada, os GDR Miño Ulla e Comarca de Lugo e a Caixa Rural Galega.
A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, puxo en valor o traballo desenvolvido pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Pallares que, “ademais de sacar adiante unha nova edición do certame, nuns meses difíciles para a cultura por mor da situación sanitaria, fixo un esforzo por manter a actividade e por visibilizar e dar traballo as xentes dos sectores ligados a produción cultural”. Ademais, animou “a todas as persoas investigadoras que teñan traballos relacionados co ámbito territorial a participar no certame e ofreceu os fondos dos museos de Rede Museística para afondar no seu coñecemento”.
Na presentación, no claustro do Muse de Lugo, tamén participaron Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüistica, a alcaldesa de Guntín, María José Gómez, Manuel Varela, alcalde de Chantada, Ramiro Moure, alcalde de Taboada, Jose Manuel López Marcos, director provincial de Caixa Rural, e Javier Rodríguez Medela, xerente do GDR Miño Ulla.