Cultura
Deputación de Lugo

Os versos e retratos de Xela Arias chegan a Monforte cunha exposición promovida pola Vicepresidencia

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN DE LUGO
XELA ARIAS
Letras Galegas
XELA ARIAS. A POESÍA DO RETRATO
Monforte
A mostra, formada por vinte paneis, pode verse no Parque dos Condes ata o 2 de agosto

A exposición “Xela Arias. A poesía do retrato” loce desde este mediodía no Parque dos Condes de Monforte. A mostra, con fotografías de Xulio Gil e poemas de Xela Arias, consta de vinte paneis nos que as imaxes en branco e negro da autora dialogan con versos da súa obra poética.

As fotografías retratan a autora sarriá posando con determinación e sen artificios ante o obxectivo de Xulio Gil cando tiña entre 26 e 40 anos, tempo que compartiron como parella artística e persoal. Trátase de imaxes tomadas para seren socializadas en revistas, libros ou noutros soportes, que se mostran por primeira vez en formato expositivo por iniciativa da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

“Optamos por este formato exterior e itinerante, coa intención de achegar a obra de Xela Arias a todo tipo de público e de manter a atención sobre o seu traballo máis aló do Día das Letras Galegas. Durante todo o ano, incluso mentras saudamos xa a elección de Florencio Delgado Gurriarán como homenaxeado no 2022”, explicou a vicepresidenta Maite Ferreiro no acto de inauguración da mostra, que permanecerá no Parque dos Condes ata o 2 de agosto.

“Consideramos fundamental que as persoas referentes da lingua e da cultura galega, como Xela Arias, estean presentes de forma constante nas aulas, nos espazos culturais, nos medios de comunicación e tamén a pé de rúa”,  reivindicou a tamén responsábel de Cultura durante a presentación, na que tamén interviron Gloria Prada, tenente de alcalde de Monforte, e Darío Gil.

O fillo da poeta e do fotógrafo agradeceu a “continuidade” da mostra no “ano de Xela Arias” e mostrouse convencido de que a exposición na rúa “contribuirá a que a xente siga coñecendo a súa obra” e a que “quen non se teña asomado á literatura en galego, poida facelo”.  Alegou ademais a favor da “cultura como ferramenta de transformación social” tal e como, dixo, “se entendía e se transmitira na súa familia”.

O acto contou co acompañamento musical do grupo sarriao Malditos Roedores, que interpretou un repertorio de pezas co galego e os referentes femininos como fío condutor. Na inauguración, estiveron presentes, entre outras, a concelleira de Cultura de Monforte, Marina Doutón e o concelleiro do BNG, Emilio Sánchez.

Formato e itinerancia

As fotografías e poemas preséntanse impresos en paneis metálicos, encadrados en macromarcos de aceiro galvanizado sobre peanas de formigón. Un formato deseñado por Ouvirmos para a instalación da mostra en espazos exteriores e a itinerancia polas distintas comarcas

Monforte é a cuarta parada da exposición, tras o seu paso por Sarria, Lugo e Chantada, desde a súa inauguración o pasado 1 de maio. A itinerancia continuará nos seguintes meses, coa presenza da exposición en Ribadeo e Viveiro.

Ademais da mostra, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborou nun libro catálogo de título homónimo, coordinado por Xosé Enrique Acuña e editado por Engaiolarte, que recolle unha escolma máis ampla de retratos e fotografías.