A tradición do ferro en Riotorto, protagonista do último roteiro de “Lugo é Artesanía”
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2021-09/Foto%20do%20grupo%20durante%20a%20visita%20ao%20Mazo%20da%20Fraga.jpeg)
Os ferreiros de Riotorto protagonizaron hoxe o último roteiro do programa “Lugo é artesanía”, promovido desde o Centro de Artesanía e Deseño da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para promocionar os obradoiros e produtos artesáns das distintas comarcas.
Durante a xornada, as persoas participantes visitaron o conxunto etnográfico do Mazo da Fraga, en Ferreiravella, e a forxa de Agustín Iglesias, no lugar do Mazo, onde poideron seguir unha demostración do proceso de transformación e modelado tradicional do ferro. O percorrido entre un e outro punto fixérono a pé, seguindo a Ruta do Ferro, un itinerario salpicado de moas e outras construcións orientadas ao aproveitamento da auga do río.
No roteiro participaron quince persoas, as prazas dispoñibles para a actividade, procedentes de distintos puntos de Galiza -Castroverde, Outeiro de Rei, A Fonsagrada, A Estrada e Ferrol -e tamén de Madrid e mesmo Suráfrica.
Desde a súa posta en marcha a comezos de xullo, organizáronse roteiros e actividades guiadas nunha vintena de obradoiros nas distintas comarcas, sentando as bases para a creación dunha rede de talleres visitables, que contribúa a mellorar a viabilidade da artesanía e sirva tamén de base para ampliar o recoñecemento dos seus oficios.