Quen é Isabel Calvete?

Isabel Calvete é, ante todo, incansable. Nada en Manzanal del Puerto (León), é filla de axente forestal e irmá de persoas que traballan tamén no sector. Viviu varios anos en La Vecilla de Curueño e, ao remate da EXB de Isabel, mudáronse a León. No ano 1989 entrou na Escola de Capacitación Agraria (Sergude) e mudouse á provincia de A Coruña, xa que aquela escola era das poucas que ofrecían internado para mulleres.

 

Isabel Calvete

 

Estudos de capacitación profesional e primeiros pasos profesionais

Capacitouse laboralmente durante dous anos que recorda con moito afecto e nada máis rematar xa comezou a traballar. A súa primeira campaña de incendios traballouna primeiro como emisorista (durante dous meses) e, xa logo, como capataz nunha brigada. Naquel mesmo ano presentouse ás oposicións e, no ano 1994 tomou posesión da súa plaza en San Román de Cervantes. Recorda que, de todas as persoas que se presentaran ás oposicións as mulleres eran un reducto mínimo e, aínda hoxe en día, a presenza feminina rolda as cincuenta mulleres nun colectivo que contabiliza seiscentos axentes forestais en Galicia. 

 

Muller e emprego

As leis de igualdade favoreceron a entrada paulatina feminina pero é complexo atraer mulleres ao sector, xa que se fala de un traballo tradicionalmente masculino. Isabel comezou a traballar dende moi nova en ámbitos rurais e de montaña, cuestión que fai trinta anos chamaba moito a atención ente a poboación local. Era preciso demostrar se cadra con maior intensidade a valía e a capacidade profesional, o que fixo que os principios fosen duros. Sen embargo, Calvete recorda que un punto de apoio esencial na súa carreira foron os seus compañeiros, que non a cuestionaron e dos cales recibiu sempre un forte apoio. Hoxe en día considera que as mulleres do sector están fortemente valoradas, igual que poden estalo os homes compañeiros. Non obstante recorda que a sociedade continúa a ser machista e que se debe continuar traballando nunha perspectiva de cambio. A cultura da desigualdade sostén prexuízos e estereotipos que cuestionaban (dentro do sector) que unha muller puidese traballar fóra do fogar, conducir un todoterreo ou incluso vestir con uniforme. Recorda que non hai ningún motivo para que unha muller non faga aquel traballo que debe facer, e que a única persoa que pode cuestionala é ela mesma, nin sequera outras mulleres ou homes.

Hoxe en día a realidade mudou considerablemente. Isabel expresa que, no momento no que a xente do rural coñece á persoa e comprende as súas habilidades e capacidades, cambia notablemente o trato que se percibe. Non considera que as persoas do medio rural sexan máis machistas que as persoas do medio urbano; cree que o xerme do machismo é a sociedade en xeral. Ela, que tamén traballa coa xente nova do medio rural, considera que se están a dar importantes cambios xeracionais no tocante á igualdade.

Por outra banda, Isabel Calvete é tamén a presidenta da FAPACEL (Federación de ANPAS de Centros de Ensino Público da provincia de Lugo). Cando ela comezou na ANPA atopouse con que a Federación estivo sempre presente no asesoramento e apoio ás actividades. Pouco máis tarde propuxéronlle entrar como vogal na directiva, para continuar pelexando polos centros educativos do medio rural. Despois de varios anos de colaboracións e de xestionar preto de setenta ANPAS asociadas, entrou como presidenta na federación e como vicepresidenta na Confederación de Anpas Galegas (conglomerado de oito Federacións).

 

Educación e medio rural

O asociacionismo, segundo Isabel, ten un papel crucial tamén no eido educativo. En Cervantes hai moitas asociacións activas, sobre todo dende os últimos dez anos, nos que houbo un importante florecemento. Toman o papel de dinamización e tamén de traballar contra o individualismo habitual. A ANPA do CPI de Cervantes naceu para defender o colexio dos recortes educativos e conseguiu que as persoas non só cresen nese proxecto compartido, senón que tamén se involucrasen no mesmo. En xeral, a participación da ANPA no proxecto educativo de centro é máis posible dende os centros rurais, debido ás ratios que se presentan. A educación, lembra Calvete, debe ir vencellada á contorna, e quizais máis no medio rural (coñecemento do patrimonio, da historia, das costumes, da paisaxe, etc). Educar ás costas da realidade na que vive unha persoa é, probablemente, a mellor maneira de desvalorizar ou invisibilizar un sistema. Como medida reactiva, dende a ANPA do CPI de Cervantes organízanse constantemente actividades que acheguen o entorno á rapazada. É máis, o feito de explicar dende a escola estas cuestións non deixan de ser un primeiro vínculo con potenciais sectores laborais. Recorda a importancia, alén do traballo da ANPA, da colaboración entre os centros educativos da montaña para fomentar que a xente nova explore tamén outros lugares. O traballo tamén con figuras coma a Reserva da Biosfera permite achegar a realidade da zona de moitos xeitos diversos.

Calvete resume a educación pública coma un valor que é preciso manter e potenciar. O feito de que dende a ANPA ou dende a Federación se loite para que non se perdan os servizos non é unha boa noticia, é un indicativo de que se debe proporcionar unha educación de maior calidade no medio rural, onde a privación de servizos deixe de estar presente.

 

Cultura e medio rural

As ganas, a persistencia e o feito de crer con firmeza nun futuro e nuns dereitos para as nenas e nenos do modio rural son os motores desta ANPA , que, cabe recordar, non percibe ningún incentivo económico polo traballo individual. Maioritariamente participan neste colectivo as nais no canto dos pais, algo que se observa tamén en contornas urbanas. Este tipo de asociacionismo é outro exemplo da importancia que ten para a xente (e especialmente para as mulleres) contar cunha rede de apoio e sustento no medio rural. Baixo un funcionamento democrático e aberto, e sustentado no contacto case diario, as persoas entran nun formato de traballo en rede tamén con outras asociacións da montaña. Algo esencial nun momento de proliferación de asociacións é traballar para superar eses pequenos conflictos ou rivalidades existentes entre concellos: o éxito do traballo colectivo na montaña chegará cando se comprenda que ningunha zona é “máis” ca outra, que o esforzo conxunto potencia o benestar de todas e todos. Non se debe esquecer que, dende a perspectiva cultural ou de ocio as persoas do territorio buscan variedade de actividades. Seráse máis efectivo e faráse unha comunidade máis rica na medida na que se ofrezan alternativas diversas que poidan acoller distintos intereses. 

A ANPA, por exemplo, estivo tamén presente no proceso de reclamación de Ben de Interese Cultural do Castro de Santa María.

 

Futuro e medio rural  

Isabel non expresa o seu optimismo dun xeito idílico, se non dunha maneira necesaria. Cree que non existe máis opción para o medio rural que a de saír adiante, xa que o retroceso supoñería un custo elevado para a sociedade xeral. Pode que, a nivel exclusivamente monetario, o rural non saia tan rendible coma o medio urbano. Pero se se pon a óptica no presente e no futuro da sociedade entón a cuestión cambia. Reivindica, Calvete, que se deben cambiar os discursos derrotistas e negativos sobre o medio rural, algo que (en parte) se comezou a facer durante a cuarentena. O establecemento da idea de que o rural e o urbano son polos opostos non é algo que beneficie tampouco a comprensión dun rural trasformado e actualizado. A chegada das telecomunicacións e a mellora das vías de comunicacións facilita a vida no medio rural achegándoa moito (en termos de acceso a servizos necesarios) á dunha urbe.

 

Despoboamento e medio rural

2006, 2008, 2017, 2020,... Son diversas e cada vez máis numerosas as datas que as galegas e galegos imos recordando por seren momentos de fortes incendios forestais. En pleno 2006 a calcinación da comarca de Compostela chegou incluso a rodear a casa do Presidente da Xunta de Galicia naquel momento (Pérez Touriño). No 2017, o feito de que o lume chegara ás portas da cidade olívica, recordoulle á sociedade que a xestión da masa forestal non é algo que lle compete soamente á contorna rural. Aínda que Galicia foi sempre unha terra ligada ás queimas, recorda Isabel que o perfil dos incendios tamén cambiou: antigamente existían os incendios de Marzo, non estes macroincendios que parecen ir cada vez a máis.

O motivo dos incendios forestais é complexo e quizáis difícil de chegar a ser comprendido. Non obstante, considera a axente forestal que non observamos as queimas coa gravidade que verdadeiramente teñen. E, no eco desa gravidade, recolle Isabel a dureza psicolóxica de enfrontarse a traballar nesas situacións; o traballo no sector implica tensión, medo e impotencia, emocións compartidas pola maior parte das persoas que traballan no sector. Enfrontarse a un día de verán, con trinta e cinco graos de temperatura e precedido por un mes sen chuvia implica anticipar unha situación que pode, case, rozar a traxedia.

A ausencia de persoas nos pobos, que non haxa gando no monte, que non se limpen os camiños,... contribúe a que a masa de monte medre, e coa mesma o risco de queima. Aínda que dende as administracións se intenten manter as pistas ou os cortalumes limpos non é viable facelo sen contar coas persoas que habitan no lugar. Este mantemento artificial das infraestructuras non é viable nin loxística nin económicamente. Sería preciso dar facilidades para que aquelas persoas que queren habitar o medio rural e emprender, particularmente no sectror primario, o poidan facer coas menores trabas posibles. A agonía á que se somete o sector primario (prezos baixos e inxustos) non pode ser sostida exclusivamente cun sistema de subvencións. Precísase investir en persoal de proximidade que sexa un verdadeiro axente de asesoramento e que teña a capacidade de axilizar trámites. Que alguén se teña que enfrontar a anos de burocracia e trámites para poder poñer en marcha un proxecto (que ás veces non é máis ca unha vivenda), conleva unha alta probabilidade de desestimento e de migración cara lugares nos que a habitabilidade sexa máis rápida.

 

Medio rural e telecomunicacións

Para Isabel, unha das poucas cousas positivas que puido achegar a crise da Covid-19 foi o feito de que consumou a realidade do teletraballo, algo esencial para o futuro do medio rural. Evidentemente é preciso mellorar os medios e os servizos de telecomunicacións, pero cada vez son máis os pobos do medio rural que contan con boa cobertura para poder soster este tipo de actividades económicas. Falamos de inversións ínfimas comparativamente cos beneficios que se derivarán das mesmas.

 

Identidade rural

Para Isabel o medio rural é orixe e este principio, estas orixes, dependen das persoas que o habitan. Unha aprendizaxe de vida que deixa é que calquera muller do medio rural ten que poder escoller e poder facer; non hai uns patróns ou modelos máis válidos ca outros. As forzas son as dunha mesma, igual que as capacidades ou os pensamentos, non hai que dar explicacións máis alá de darllas a unha mesma. A igualdade non é unha opción, deberá ser sí ou sí e non poderá ser debatible se se aposta ou non pola mesma. As nenas e nenos deben ser educados de xeito inclusivo e tolerante, dende todos os recunchos do mundo; por suposto, tamén dende o rural.