Quen é Patricia Villagarcía?
Comezando polo principio, Patricia naceu no ano 1990 en Molmeán e viviu tamén alí ata que marchou para facer a carreira. Con tres anos soubo que sería veterinaria e díxollo tamén ao mundo que a rodeaba. Foi á escola ao CPI Plurilingüe de Navia de Suarna, estudou o Bacharalato no IES Fontem Albei (A Fonsagrada) e posteriormente marchou a Lugo para iniciar os seus estudos universitarios.
Estudos de capacitación profesional e primeiros pasos profesionais
No ano 2014 rematou a súa formación como Veterinaria na Universidade de Santiago de Compostela, no campus de Lugo. Antes de rematar os seus estudos, Patricia comezou a facer prácticas cos dous veterinarios de Navia de Suarna (Cruz e Roser). Aos poucos meses de finalizar, comezou a traballar en Tribes (Ourense), lugar no que buscaban unha persoa para traballar con vacas, o cal era precisamente o que Patricia sempre quixera. Recoñece que era unha novata con certa vantaxe debido a toda a experiencia que xa tivera a oportunidade de coller en anos anteriores. Durante un ano e medio estivo cubrindo distintas baixas na localidade e, posteriormente, achegouse de novo a Navia de Suarna, para cubrir a baixa de maternidade de Roser. Rematado aquel período, en maio do 2017, retornou a San Román de Cervantes e iniciou o seu traballo como autónoma, con vinte e sete anos recén cumpridos.
Tanto en Tribes coma en Navia, coma posteriormente en San Román, esta muller realiza o seu traballo soa, algo común no seu perfil profesional. Un dos motivos que a empuxou a comezar a súa carreira como autónoma foi o feito de ver unha demanda na zona. Nunha área eminentemente gandeira como son Os Ancares, a figura do profesional da vaterinaria é clave, xa non só pola súa actuación clínica senón pola relación de confianza que xera coa clientela. Ver este servizo desantendido é un motivo engadido para abandoar as explotacións ou telas de carácter máis pequeno.
Lembra que a súa familia a apoiou sempre nas súas decisións, aínda que o momento que máis os impactou foi cando ela decidiu marchar traballar a Ourense; foi síntoma de que medrara de verdade.
Muller e emprego
A vaca en Galicia e, particularmente, no medio rural, é case parte da familia. Esta ligazón emocional fai que a profesionais coma Patricia se lles esixa dar o mellor de sí mesmos e atopar as solucións máis positivas. Lembra, esta muller, que nos seus inicios tivo unha mestura de sorte e coñecemento. Os casos que comezou a levar reaccionaron ben ao tratamento que ela aplicou e aquilo permitiulle abrirse camiño cun certo pulo.
Patricia cubría, no seu inicio profesional en San Román de Cervantes, a praza laboral dun home. Ela, que tiña clara a súa capacidade e vontade, non se atopou con reticencias que proviñesen da súa falta de experiencia ou da súa condición de muller. Segundo foi avanzando a súa práctica foise dando a coñecer, polo que incluso mellorou a situación inicial. Recoñece que o feito de compartir práctica con outra muller en Navia de Suarna facilita que a xente xa tivese asimilado o papel da muller no campo.
Onde quizais atopa algunha barreira de xénero é no momento no que ela está a traballar cunha vaca, cando a situación de estrés aflora. Os comentarios despectivos seguen existindo, incluso aqueles que infravaloran o papel da muller ligado ao gando. Lembra, en Tribes, que unha muller lle contara que unha vaca fora quen de parir prácticamente soa porque, total, quen tiraba da cría eran catro mulleres. Quen normalmente se achega á corte para axudar son os homes, pero Patricia sabe que o seu traballo non é cuestión de forza, trátase de moitas outras cousas.
Sector primario e medio rural
Villagarcía atopa que, administrativamente, hai moitas explotacións de gando vacún a nome de mulleres. Na práctica a situación cambia. No traballo diario hai unha forte presenza feminina, mentres que en situacións como partos a presenza é dos homes. Na maior parte das tarefas segue habendo roles de xénero, pero algo que lle preocupa especialmente a Patricia é o feito de que as mulleres nunca, ou escasamente, van ás reunións ou encontros. En Navia houbo un momento no que se obrigou a que fose o titular da explotación e se permitía que o acompañante fose tamén, pero é un cambio social complexo, xa que algunhas mulleres aínda se preguntan qué van facer nesa situación.
A presenza feminina e nova no sector é baixa. Sí hai, pola contra, rapaces novos que se incorporan, independentemente de facelo en soidade ou en parella. En xeral Patricia considera que o relevo xeracional é escaso, e ela fai fincapé na necesidade de traballar o perfil da persoa que se desenvolve no sector primario. Continúase a pensar que quen ten unha ocupación ligada ao gando é porque non tivo oportunidade ou capacidade para buscar unha “mellor calidade de vida”. Esta profesional chega a plantexarse cómo será o seu futuro profesional. Se ben é certo que o número de vacas non descende en exceso, sí o fai o padrón. A perspectiva de que se manteñan dez explotacións con setenta cabezas de gando cada unha non é para nada positiva, xa que son moitas medianas explotacións as que verdadeiramente nutren este sector laboral. Esta tendencia parece observarse en toda a provincia de Lugo, non é especial dunha ou doutra comarca.
Non obstante, Patricia matiza que, sen sector primario, non se pode avanzar como sociedade, polo que este cambio social é non só necesario senón tamén urxente. Os estereotipos e prexuízos, que herdamos de épocas pasadas, identifican de xeito erróneo ás mulleres e ós homes (falta de formación e información, de intereses culturais ou de non especialización técnica). Contrarrestar esta percepción cun discurso plural e real é preciso para poder visibilizar a realidade e as verdadeiras demandas do territorio.
Cultura e medio rural
Patricia probablemente sería unha das mulleres máis ocupadas laboralmente na súa contorna, pero tamén unha das que máis participa na vida social e cultural. Baile, pilates, carpintería, pintura, ... a lista das cousas que lle suscitan interese é tan longa coma as actividades que se oferten no municipio. É crucial o papel das asociacións neste tipo de actividades que, considera ela, non teñen tanta matrícula como deberían.
O ocio nunha realidade laboral coma a que se presenta é imprescindible para osixenarse e para relacionarse coa comunidade dun xeito diverso. Recoñece, Patricia, a importancia de traballar en rede no seu día a día. Contar cos veciños profesionais de Navia de Suarna permítelles aos tres poder establecer un sistema de libranzas e de coidado do tempo libre, o cal mellora de xeito substancial a súa calidade de vida.
Tampouco se esquece de que, aínda que o ocio municipal é necesario, ela se atopa a corenta minutos de Lugo. Durante os seis anos que estivo na capital cursando os seus estudos fixo a mesma (ou incluso menos) vida cultural que fai agora que habita a comarca de Os Ancares. Ás veces considérase que a maior programación cultural maior será tamén o deleite da poboación, e quizais non se trate de cantidade senón da necesidade de poñer en valor as actividades que xa se están a facer no territorio.
Despoboamento e medio rural
Na súa casa a Patricia nunca lle dixeron explicitamente que o lugar no que vivía era marabilloso, simplemente ela criouse coa perspectiva de que ese tipo de vida non é malo nin inferior a ningún outro. Non se fai, por tanto, necesario explicar o termo de “ser rural”; compréndese que ese ese adxectivo fai referencia á contorna na que se vive, pero tamén se acepta a diversidade de cada quen.
Reivindica a liberdade de todas as persoas para escoller o lugar que se quere habitar e rexeita as valoracións que as persoas facemos de maneiras de vivir diferentes ás que coñecemos. Non comprende que lle pregunten por qué vive no medio rural podendo facelo noutro lugar porque non ve desvantaxes de habitar o seu lugar, ou polo menos non máis das que vería de vivir nunha contorna urbana.
O desapego ou o desexo de abandonar a contorna rural provén, en gran medida, da percepción de que o traballo nese tipo de lugares estará ligado a menor repercusión económica, maior esixencia nos horarios, estereotipia social e descoñecemento dos nichos de emprego.
Identidade rural
O apego ao territorio e a identificación co mesmo é algo moi positivo para a propia identidade, para non ocultar a orixe e para poder desbotar estereotipos. Neste primeiro momento de contacto (que se podería identificar coa infancia), Patricia lembra a necesidade de poder experimentar realidades e situacións. Posteriormente chegaríase a un momento de decisión (que recorda, debe ser tomada en liberdade), de cuestionarse qué é o que convén e que é o que non. A calquera moza do medio rural lembraríalle que a mellor maneira de aprender é probar e experimentar, atrevéndose a deixar á marxe as valoracións que os demais fan sobre as propias capacidades.