Quen é Lourdes Abuide?

Lourdes representa ás persoas que analizan o rural dende a experiencia e que, desas vivencias, extraen aquelas que teñen o peso positivo necesario para facer vida. Xornalista e propietaria dun futuro espazo cultural, reivindica o ocio de calidade en calquera localidade do mundo.

 

Lourdes

 

Estudos e primeiros pasos profesionais

Lourdes naceu en Montecubeiro (1969, Castroverde), aínda que o seu pai era da que hoxe é a Casa Chaín (propiedade da avoa paterna). Foron catro anos os que ela pasou en Montecubeiro xunto aos seus tíos e curmáns, xa que o seu pai e a súa nai estaban emigrados en Suíza. Lembra aquela etapa coma unha das máis felices da súa vida, tanto pola atención e coidados que recibiu coma pola liberdade que puido experimentar ao estar inmersa nun sistema familiar que vivía da actividade agropecuaria. Aínda que na súa casa había poucos xoguetes, divertiuse cos pitiños que nacían e coas bonecas que facía das mazarocas de millo.

Con cinco anos marchou para Lugo xunto coas súas irmás e a súa nai, recentemente regresada da emigración. Para ela foi complexo aterrar nun lugar no que non se falaba galego (e onde incluso se castigaba a expresión neste idioma) e se facía unha clara discriminación daquelas persoas chegadas das aldeas. Todas as fins de semana regresaba a Montecubeiro, o que lle permitiu continuar coidando o vínculo co lugar e coa súa realidade.

Con trece anos volveu experimentar o mundo ao revés. Coa aprobación do Estatuto de Autonomía chegou ás aulas a clase de galego (que era impartida, no seu centro, por unha mestra que falaba castelán), feito que a ela lle chamaba a atención, xa que tomou contacto cunha realidade lingüística diferente.

Dos trece aos catorce anos estudou un ano en Lausanne (Suíza), xa que a familia enteira moveuse ao estranxeiro. Lembra, daquela chegada, a capacidade do sistema educativo suízo para propiciar a inmersión lingüística nun tempo moi breve. Naquela época coñeceu unha rapaza polaca que era refuxiada política, a cal identifica como unha xanela ao mundo. A pesar de que era unha familia con importantes carencias económicas era tamén moi activa culturalmente. Xunto a ela, Lourdes comezou a visitar todas as tardes a biblioteca, aínda que tamén frecuentaba o cinema ou o ballet. Aínda que aquela fora unha época positiva, ela non se recoñecía no lugar, polo que regresou soa a Lugo. Escolarizouse de novo na cidade e aínda había de ter outro cambio educativo, rematando os estudos de BUP no IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), onde decidiu que sería xornalista. De novo viaxou a Suíza para facer COU pero, rematada a etapa, non conseguiu que a súa familia a apoiase para estudar Xornalismo, polo que quedou durante unha tempada traballando no país.

Posteriormente regresou a Lugo e comezou Filoloxía Inglesa (coa fin de ser docente), aínda que aquel non era o eido profesional que ela escollera. Tras o pasamento do seu pai, marchou (con 20 anos) a Inglaterra, para traballar como au pair. Ao regreso marchou a Salamanca para estudar Xornalismo, lugar onde tamén comezou co teatro, fundando xunto a outras amizades o grupo universitario La Máscara Teatro.

A radio sempre estivo presente nas súas inquedanzas profesionais, polo que en 5º curso fixo prácticas para Radio Voz en Vigo. Rematada a carreira marchou a Madrid e coñeceu a cidade a través dun emprego nunha axencia de venda de vivendas. Posteriormente estivo traballando durante tres anos nunha produtora de programas de televisión minutando vídeos, emprego que lle axudou a comprender que onde realmente quería traballar era no sector da radio.

Despois de algunha outra incursión laboral no estranxeiro, atopouse cunha coñecida en Lugo que a informou da próxima apertura de Onda Cero na cidade e que a empurrou a enviar o seu currículo. Así comezou a traballar na cadea na que estaría durante dezaoito anos.

 

Regreso ao rural: Casa Chaín

En 1869 levantáronse os muros da actual casa de Lourdes, pero ela reparou nela no ano 2008. Xa dende que vivía en Lugo de xeito contínuo (mentres traballaba en Onda Cero) quixo volver vivir nunha casa no medio rural. A parroquia de Cirio (Pol) púxolle diante unha casa que mercou sen saber que pertencera no pasado á súa avoa. Sen embargo era preciso intervir sobre a vivenda para poder facela habitable, e aquilo implicaba un ascenso notable no gasto. Así foi como comezou a idear un negocio que puidese acollerse nun fogar.

 

Lourdes

 

Asesorouse en materia de axudas e subvencións a través do Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, e decidiu apostar por un proxecto de innovación. Alí se produciu o retorno á súa amiga polaca, pero tamén á época de xogar cos pitiños na aira da casa de Montecubeiro: Lourdes decidiu apostar por achegar a cultura ao medio rural.

O proceso de rehabilitación foi, como relata Lourdes, duro, xa que foron diversas as dificultades coas que se foi atopando. Quizais o máis complexo foi conseguir certificar a subvención que lle foi concedida no prazo indicado (debido á falta de man de obra profesional), aínda que tamén tivo a súa complicación ter que facer todo isto durante o estado de alarma.

Sen embargo, Abuide recoñece que houbo algo especial en todo o proceso. Cando ela comprou a súa vivenda era consciente de todos os cambios que debían facerse para procurar a habitabilidade, pero sempre soubo que quería manter a estética exterior da construción, a fin de non provocar un impacto na paisaxe. Ela foi observadora pero tamén participante do diario da obra, feito que tamén lle fixo recoñecer nela mesma habilidades e gustos pola restauración e a construción.

Casa Chaín pretende ser un centro cultural no medio rural, un espazo onde a programación sexa anual e que acolla tanto a crianzas coma a adultos, traballando múltiples áreas. O presente do proxecto materializaráse de xeito inmediato, en canto os permisos de habitabilidade o permitan. Ese futuro inmediato mira moito ao CEIP Rosalía de Castro (Pol), xa que a programación cultural que se ofrecerá será de moito interese para a infancia.

 

Muller neorrural

Lourdes habita a súa casa en soidade, é muller e enténdese coas persoas que lle levan as obras. Recoñece que é habitual que todas ou case todas as mulleres vivisen algún tipo de abuso, de maior ou menor gravidade, e valora que moitos homes non son conscientes desta realidade.

Cree que é indispensable traballar polo feminismo no medio rural, así como fomentar a integración da diversidade. Se ben considera que os roles están cambiando na xuventude, sí considera que hai realidades que aínda sitúan ás mulleres nun plano secundario.

Abuide é optimista cando analiza as tendencias de poboación no medio rural, pero advirte sobre o uso comunicativo de determinados termos, como pode ser o que fai referencia á “España baleirada”. Debemos recoñecer que hai xeitos de vivir diferentes dos outros e non por iso se debe ir en contra de ningún.

 

Infancia e regreso

O por qué do regreso ao rural da vida de Lourdes ten moitas das súas respostas naqueles anos vividos en Castroverde. A vida sentida cun pai ausente e, posteriormente, cunha nai tamén emigrada, levouna a aprender a aceptar os rápidos cambios da vida. Así mesmo, formar parte dun sistema familiar extenso tamén lle permitiu comprender que os lazos familiares viaxan máis alá da proximidade sanguínea.

Todas aquelas experiencias, enchoupadas de lembranzas felices, levárona a buscar de novo esa relación co medio natural e coa vida expresada de xeito pleno. Subliña, por tanto, a importancia de que as crianzas formen parte das experiencias diarias que ocorren na contorna rural, sempre acompañadas polos adultos próximos.

 

Viaxe, aprendizaxe e autoestima

Algo que esta muller recoñece imprescindible en todo proceso de vida é o movemento. Ela, que viaxou a diversos puntos da xeografía dende a nenez, lembra con agradecemento todos os os seus contactos diversos. Aínda que o traslado implica confrontamentos cos propios esquemas, para ela supuxo unha maneira de valorar o seu propio territorio. É interesante coñecer outras realidades para poder valorar o lugar do que se parte, incluso dende o marco do sentido de pertenza.

Hai aínda unha importante necesidade de traballar a autoestima por pertencer a unha realidade concreta, cun idioma, unha cultura e unha tradición propia. É preciso traballar este aspecto tamén nas crianzas, coidando os discursos que se transmiten, xa que nos mesmos viaxan os estereotipos e os prexuízos.

 

Emoción e restauración

A emoción de maior peso despois de todo o traballo feito está relacionada con ter atopado un sentido radical para impulsar o proxecto. Sexa cal sexa o devir da Casa Chaín, para Abuide é gratificante ver que se rescatou unha propiedade do esquecemento e do avellentamento, o cal implica un gran abano de posibilidades de futuro.

Non obstante, para chegar a esta comprensión final, foron moitos os sentires atravesados. A este respecto, menciona a importancia de (como propietaria) traballar ao carón dos profesionais da restauración, manténdose incluso ás veces un paso por detrás. As obras (e máis cando o sentido das mesmas é albergar un proxecto de vida) empurran a involucrarse dunha maneira incluso excesiva. Confiar nos expertos e tomar unha postura non tan intervencionista permite atravesar o proceso dun xeito máis positivo e quizais non tan envolvido polo estrés.

 

Identidade rural

O medio rural é, para Lourdes, sinónimo de natureza e de poder contemplar o transcurso do tempo. Implica a observación pero tamén o contacto, o aproveitamento diferente do tempo de descanso e de ocio.

Se ela tivese que pedir algo para o futuro do medio rural sería o asentamento das bases que permitan coidar e preservar o medio, e iso implica aplicar tanto criterios económicos coma organizativos ou de xestión.