Quen é Cándida Rodriguez?
Cándida é Veterinaria e Formadora. Nada en Vigo e actual habitante de Fiolleda (Monforte de Lemos), impulsa o seu proxecto Rincón Finca “El Carmen”, dende o que lembra a importancia tanto de coidar o mundo coma de coidarse a nivel persoal.
Estudos e primeiros pasos profesionais
Cándida Rodríguez naceu no ano 1970 en Vigo. Cando tiña sete anos, a súa familia mudouse a Vincios, ás portas do Monte Galiñeiro. Á aldea ían en Maio e pasaban alá ata Outubro, e durante o groso do curso académico trasladábanse de novo a Vigo, cidade que facilitaba a xestión das vidas de cinco crianzas. Despois de participar, con trece anos, nun campamento con cabalos, quedou completamente engaiolada polos animais e comezou a montar. A súa adolescencia desenvolvíase entre Vigo e o Monte Galiñeiro vivindo tanto entre cabalos coma con persoas que participaban tamén do mundo da hípica.
Aínda que seus pais intentaron que estudase Enxeñaría Industrial, en COU determinouse a facer a matrícula en Veterinaria, o que a trouxo á Provincia de Lugo. Percibiu un cambio grande á súa chegada, sobre todo no clima; relata que descubriu o que era o frío na cidade lucense. Naquela etapa buscou rapidamente onde montar e, posteriormente, estivo traballando en Ecus (centro de hípica) durante seis anos. Varias veces pensou en deixar a súa formación para centrarse soamente no seu emprego, pero a súa familia empurrouna a acadar a titulación.
Con vinte e nove anos acadou o título e tivo claro que quería traballar con animais grandes, xa que non a atraía a idea de empregarse nunha clínica ou nun laboratorio. Atopábase con falta de experiencia nese tipo de animais para poder exercer, pero non quería permitirse unha tempada máis de formación práctica en Madrid e seguir amarrada económicamente á súa familia. Así que analizou qué posibilidades tiña de achegarse a ese mundo comezando a ter uns ingresos, e reparou nas vacas. Xa que non sabía nada da realidade do vacún, marchou a Arzúa a traballar un verán a unha explotación de trescentas cabezas de vaca de leite. Ela muxía polas mañás, facía as comidas e, a cambio, podía estar co veterinario os días que se achegaba. Con aquel veterinario comezou a intentar ir no seu coche para participar noutros casos, algo que finalmente conseguiu. Valora como excelente o exercicio práctico que el tiña e a axuda que lle seguiu prestando incluso despois de marchar da explotación.
Posteriormente contratárona en San Mamed de Nodar (Friol) como veterinaria da cooperativa, contando con toda a ilusión e paixón do mundo. O feito de estar contratada a tempo completo e de non ter outra ocupación no lugar máis ca o traballo, fixo que fixese daquela cooperativa de oitenta socios un pouco a súa familia, polo que estableceu un gran vínculo coa xente. Naquel emprego estivo catro meses, ata que soubo que quedaba unha praza libre (con carteira de clientes) en O Saviñao. A parella de Cándida xa daquela, Suso, ocupábase dun proxecto vital na casa dos seus avós nesa mesma zona. Aínda que ela tiña en mente acadar algo máis de experiencia en Friol, decidiu non deixar pasar a oportunidade de poder achegarse e retornou.
Cando chegou ao Saviñao comezou a visitar as casas para facerse cargo da súa carteira de clientes, e experimentou o rexeitamento de pobos completos por cuestións de xénero. A pesar disto, nos seus principios facía corenta avisos ao día; é dicir, traballaba todo o tempo que non durmía. Paraba nas cunetas a berrar ou a chorar, para poder exteriorizar aquel sentimento de impotencia que lle xeraba a realidade, e arrancaba de novo para a seguinte urxencia. Cando xa pasara un ano e xa se fixera co seu oco profesional, comezou a contratar a xente para poder liberarse e contar con momentos de descanso. Os primeiros anos contratou mulleres, o que fixo que tamén se correse a voz sobre as capacidades das mulleres e permitiu que elas ocupasen un lugar que lles pertencía por dereito.
Durante o seu embarazo traballou ata case o sétimo mes de xestación, e fíxoo escondendo a realidade, xa que tiña a crenza de que non a chamarían de telo dito. Cando finalmente parou valorou o tempo de ocio e descanso, e comezou a repensar a súa identidade profesional. Sen embargo, en canto naceu a súa filla Carmen, volveu engancharse ao ritmo laboral, pero coa idea de navegar cara unha realidade laboral máis tranquila. No ano 2008 comezou a darlle voltas a cómo traballar no sector que ela coñecía pero deixando a clínica, e falou cos gandeiros da zona para impulsar unha Asociación de Defensa Sanitaria (ADS).
Nova etapa laboral: Rincón Finca “El Carmen”
O proxecto Rincón Finca “El Carmen” foi xestándose de xeito paseniño. Os cabalos xa habitaban o lugar da finca e Cándida comezou a debuxar a posibilidade de traballar cos animais e dende unha perspectiva formativa (en canto á equitación) e educativa. Comezou, no ano 2009, co seu primeiro alumno e con tres cabalos, co obxectivo de aprender a montar. Aquilo combinouno co seu traballo de clínica e coa dinamización da ADS, unha situación de tensión laboral prolongada que, segundo ela cree, a levou a colapsar. Diagnosticárona de pneumonía atípica tras descartar todas as demais posibilidades e iso, xunto con outras complicacións, levouna a pasar seis meses de baixa médica, ao que lle seguiu unha dura tempada a nivel emocional.
Foi naquel momento cando estableceu a súa liña vermella. Deixou a clínica e continuou coa idea de continuar coa ADS, traballando nese proxecto dende o 2012 ata o 2015. O Rincón continuaba medrando, e alí era onde ela poñía a maior parte da súa enerxía. No 2015 deixou a ADS, a risco de volver saturarse a nivel laboral e percibindo un apoio completo dende a Asociación. Inverteu o seu último soldo nunha formación en Coaching con Cabalos de nove meses de duración, en Barcelona. Ao seu regreso e dende o Rincón comezouse a abrir toda a oferta coa que conta hoxe o lugar. Realízase “equinoterapia”, talleres de intelixencia emocional, formación en equitación, coaching con cabalos, campamentos para crianzas e moitos outros monográficos estacionais.
O nome do negocio leva a palabra “rincón” porque, nun inicio, eran os cabalos os que ocupaban a extensión de fincas máis pequena da casa, mentres que as vacas se facían con toda a outra. Hoxe en día a situación virou completamente, sendo a finca dominio completo dos cabalos.
Muller e emprego
“Un mundo de homes”, así define Cándida a súa profesión, sobre todo se a analiza ficando máis nos seus inicios. Anticipou xa ben axiña que sería así cando, ao remate do contacto práctico que tivo en Arzúa, lle dixo o veterinario que se non fose muller non dubidaría en contratala. Recoñece que a imaxe do veterinario pasaba pola forza, e o seu corpo non se adaptaba ao canon de home alto e forte. A posta en dúbida da súa capacidade para atender un parto debido á súa estatura e complexión puido loitala grazas tamén ás persoas que sí que creron na capacidade dunha muller para exercer.
Aquela situación, aínda que deixou un pesar negativo nela, fixo que rebentase dentro dela a forza para reivindicar a presenza feminina na profesión. Ela era a primeira muller veterinaria da contorna, polo que tivo quizais que librar unha batalla maior. O machismo non estaba soamente presente nos homes, senón tamén nas mulleres; elas participaban dun sistema de crenzas que poñía en dúbida que unha muller puidese andar polas estradas, conducindo soa e na noite, sen que lle acontecese calquera perigo.
Sector primario
Despois de experimentar os anos nos que a gandaría vai a menos, Cándida expresa que hai básicos imprescindibles para continuar co futuro do sector. A formación é o primeiro indicador que ela pon na lista. O lugar cara o que se avanza, en canto a consumo, implicará o control de todos os axentes químicos que se empregan. Para iso será imprescindible que as gandeiras e os gandeiros sexan axentes activos durante todo o proceso, contando con formación teórica sobre as prácticas.
Doutra banda, e xa que sinala as pequenas e medianas explotacións como modelo ideal, o cooperativismo e a capacidade de asociación tórnase tamén indispensable. Por suposto, para comercializar o produto, pero tamén para poder compartir bens (como maquinaria ou terras). É preciso superar o medo á xestión que leva a cabo unha persoa externa á explotación e sopesar os beneficios de diversificar o modelo. A tradición e a innovación non poden confrontarse, xa que en ningún dos dous polos o sector poderá encarar os retos futuros.
Innovación e medio rural
Ao Rincón acude xente da contorna para asistir aos campamentos ou ás clases, pero o Coaching con cabalos ou a formación en Intelixencia Emocional é máis demandada por persoas de fóra. Unha dúbida que tiña Cándida ao principio estaba relacionada co proceso de venda da súa idea, o que conseguiu facendo xornadas de portas abertas e coidando a presenza en medios online e offline. O ano 2017 centrouse na achega do proxecto á comunidade, e comezaron a participar persoas de outras localidades de Galicia e tamén de fóra da nosa comunidade.
O primeiro ano que ofreceu a formación en Intelixencia Emocional (ela realizou un mestrado na materia na Universidade de Santiago de Compostela) tivo moita menos aceptación que nas edicións posteriores, o que evidencia que existe un nicho de mercado sempre e cando se saiba buscar.
Cultura e medio rural
A cultura e o ocio é non só necesaria, senón tamén fundamental. Permite medrar, diversificar as actividades e iso aporta calidade de vida. O propio Rincón é un espazo de cultura, xa que a xente que se achega trae moitos coñecementos consigo que comparte co grupo. A cultura é, segundo Cándida, esencial tamén dende os espazos naturais. Baixo esta idea creouse, fai dous veráns, un campamento para adultos chamado “Creatureza”, no que se traballa a arte a través da natureza.
Ela decidiu levar o teatro e a oferta cultural ao medio rural, ante a dificultade de poder desprazarse a Lugo ou a outras vilas debido á súa realidade laboral.
Identidade rural
Tras toda a vida narrada, Cándida garda silencio para poder responder, e iso permite levantar a vista da súa cara e perderse na extensión que se abre de xeito circular. O medio rural é “un todo”: algo que coida, que emociona, que arroupa, que impulsa, que ofrece e que recibe. É un sistema e, coma tal, é preciso coidar as entradas e as saídas do mesmo.
Sen embargo, estas son as palabras que se sobreentenden á emoción que expresa Cándida, non as que ela pronuncia. Para ela, o rural é a figueira que ten diante da casa. Esa que nunca tanto producira coma este ano, ou sí, pero neste último tempo, entre a figueira e a muller, apareceu a conciencia. A conciencia de habitar de xeito pleno o espazo que se desexa.