Quen é Lucía Canoura?

Lucía Canoura é unha lagoa (desas que se atopan nos cumios dos montes, que semellan case de cristal) de experiencias. Nútrese da contorna e séntese tamén na obriga de retornarlle a quen a rodea, motivo polo que creou un negocio en Xove no que conxuga o turismo e a comunidade.

 

RL

 

Estudos e primeiros pasos profesionais

Lucía Canoura é de Xove, pero naceu en Lugo, xa que aínda non se contaba co Hospital da Costa. Cuarta de catro crianzas, viviu xa en Viveiro, a diferenza da súa nai e dos seus irmáns, que se criaron na casa na que hoxe ten o seu negocio.

Foi ao Colexio San Roque, logo ao Pastor Díaz e rematou no Vilar Ponte, todos eles situados en Viveiro. Logo mudouse a Santiago de Compostela para estudar Ciencias Políticas, unha carreira que era aínda nova no plan de estudos. Ao remate da súa licenciatura marchou a Barcelona a estudar un Mestrado en Xestión Pública e, posteriormente, decidiu volver a Viveiro á casa da súa familia. Tras un tempo na casa, a idea de preparar unhas oposicións apareceu no ano 2006, o que a achegou de novo a Compostela. Un día, cando xa levaba uns meses de preparación, chamárona de Vigo dende o Grupo Femxa para traballar nun proxecto de avaliación. Ao remate daquel contrato comezou a traballar en Cidadanía, concretamente nun proceso participativo co ámbito cultural galego para dotar de usos uns espazos da Cidade da Cultura. Finalizada aquela etapa atopou unha oportunidade laboral na Fundación para a Orientación Profesional, a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico, o Emprego e a Formación en Galiza (forGA). Coa creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Canoura ocupouse do eido de Igualdade e comezou a traballar en As Pontes, xunto cun equipo de inclusión social. Esta última experiencia permitiu a creación de mesas institucionais para a reflexión sobre a violencia e o establecemento de procesos participativos e formativos na sociedade.

Despois dalgunhas outras experiencias laborais, Lucía decidiu emprender. Unha das actividades que fixo foi a coordinación do proxecto “Galicia en negro”, dende o 2015 ata o 2018. Sen embargo, dende o ano 2007 estaba na súa mente unha idea de negocio que se materializou cando o GDR da zona a informou sobre as posibilidades para emprender noutras áreas.

 

Retorno ao rural e emprendemento: O Lugar das Marías

Lucía defínese coma unha namorada das ruínas, das raíces e das persoas que a rodean. A súa avoa Presenta foi unha persoa crucial na súa vida, pero tamén no seu negocio, onde ten incluso unha habitación dedicada. Toda a traxectoria que Canoura portaba, maiormente no eido da igualdade e da participación logal, conxugouse para crear un proxecto de vida. O seu gusto polo mundo rural levouna a pensar nun equipamento hoteleiro de tres estrelas, que puidese tamén contribuír á implicación da contorna. Buscaba recordar a historia das “Marías” galegas, motivo polo que cada cuarto levaría o nome dunha muller galega (María Casares, Maruxa Mallo, Maruxa e Coralia, etc). Outra cuestión fundamental do seu negocio sería a recuperación da lingua e da cultura, tomando como premisa a idea de que as persoas “falamos o que nos falan”.

 

RL

 

O Lugar das Marías botou a andar no ano no 14 de marzo do ano 2020, xusto á beira de que a pandemia comezase. Este negocio non experimentou aínda a realidade sen Covid-19, o cal limitou en gran medida aquela premisa de dinamización da contorna. Sen embargo, as redes sociais foron unhas aliadas para difundir tanto a idea de negocio coma a realidade exterior. Lucía non perde oportunidade de promocionar na rede as marmeladas ou as fresas que a súa veciña Dorita lle leva ou a contorna natural que a envolve. 

 

Comunidade e emprendemento

Canoura considera que a comunidade é vital para O Lugar das Marías, e máis para o proceso de trasformación turística que se viviría. O proxecto, que nacera como aloxamento, é agora tamén un café-xardín. Se se quedase naquela primeira idea, o negocio podería atraer como máximo a doce persoas ao día, mentres que coa innovación pasaron polo lugar centos de persoas. A veciñanza non só presenciou o movemento, senón que foi partícipe do mesmo. Por outra banda, as experiencias deste tipo teñen tamén a capacidade de influenciar na comunidade para presentar e educar en novos modelos, neste caso de ocio. Neste lugar mantéñense horarios máis respectuosos para as persoas que o traballan e rexentan, fomentando o achegamento da clientela en horario de día.

 

RL

 

É curioso, tamén, o efecto multiplicador que ten un negocio coma este en A Rigueira. As iniciativas que impulsan o coidado da contorna acaban contaxiando ás persoas que as rodean, de tal maneira que impulsan que se coiden os espazos. Recoñece que os negocios de turismo non terían nin a metade de atractivo de estar desligados do medio, xa que as persoas que fan turismo buscan algo máis que os servizos que se ofrecen das paredes cara dentro. A clientela do Lugar das Marías pode observar tanto as vacas no prado que queda en fronte as habitacións do andar superior como pasear pola beira do río ou coller castañas. Difundir estas cuestións pequenas, case do día a día, pasan por querer o lugar que se habita e por sentirse orgullosa do mesmo. Canoura cree que este sentimento xa está moi presente nas persoas que emprenden hoxe en día, e recorda a importancia do compromiso das administracións coa xestión dos recursos.

 

RL

 

O turismo non pode expulsar as persoas que habitan no lugar, algo que xa se está a ver nalgunhas cidades, que dan preferencia á presenza dos aloxamentos hoteleiros fronte ás vivendas de uso diario.

 

Rural e igualdade

Canoura é, actualmente, vogal do Observatorio da Mariña pola Igualdade. Esta asociación está integrada por mulleres da mariña, e naceu para xerar conciencia crítica e impulsar os movementos que fomenten a participación activa da muller en todas as esferas. O nivel local ou comarcal faise imprescindible para comprender as realidades e tamén para traballar nas problemáticas que afectan ás mulleres da mariña de xeito específico. Tamén serán diversas as estratexias ou os proxectos que se fomenten dende unha asociación pegada ao territorio, fronte a aquelas outras que se xestionan a nivel macro.

Nacido no ano 2008 e cando a penas había referentes por esa banda xeográfica, o Observatorio foi quen de artellar estratexias feministas dende e para o rural. Nos últimos anos das manifestacións do 8-M e, sobre todo a raíz do coñecido caso de “a Manada”, rexistráronse unhas altísimas cotas de participación na comarca. Mulleres do Valadouro, de Alfoz, de Mondoñedo ou de Lourenzá mobilizáronse tanto coma aquelas de núcleos máis grandes, como Foz ou Burela. Teñen claro, dende este colectivo, que o feminismo e a igualdade ten tanta forza e presenza nas aldeas coma nas urbes. E é precisamente nos núcleos pequenos onde se ve como mulleres de máis de setenta anos se achegan ao movemento para reflexionar sobre un modelo de vida (propio ou colectivo) que xa non é satisfactorio.

Se ben esta agrupación é altamente dinamizadora na realidade da mariña, obsérvase a influencia crucial e positiva que ten a implicación que se fai dende os concellos para traballar a igualdade. Actividades como poden ser os obradoiros de autocoidado fomentan momentos de participación e de reflexión que ao final acaban por activar toda unha rede de benestar social.

 

Dinamización e contorna

Canoura repara en que hai unha intención crecente da xuventude en recoñecer a súa contorna, algo que tamén pode estar influenciado polas redes sociais e polo descubrimento que se pode facer a través delas a comarca. O feito de que outra xente poña en valor os lugares fai que as persoas que habitan nos mesmos poidan ter interese en achegarse. Recorda que, na súa xuventude, a tendencia era permanecer na vila para desfrutar do ocio, mentres que hoxe é habitual achegarse a pasar un anaco en lugares que son significativos tamén para os turistas (Faro da Punta Rondacoiro, Cantís de Morás ou Portocelo). Recoñece no feito de viaxar (independentemente da distancia) algo moi positivo para o desenvolvemento persoal, e tamén para o desenvolvemento dunha autoestima unida ao lugar.

 

Formación e vida

Se houbese que sinalar algo que Lucía defende de xeito férreo, seguramente sería a responsabilidade que toda persoa ten de cara á súa formación. Comprende as aprendizaxes coma algo necesario para o presente e para o futuro, e tamén por ese motivo non cesou nunca de explorar en diversos eidos. O seu negocio bebe directamente da súa formación; hai todo un discurso detrás do mesmo. Recoñece que, cando se inicia unha actividade, se abren moitas necesidades de adquirir competencias transversais. As titulacións precisan saír das cápsulas e comprenderse coma realidades moi relacionadas con diversos campos.

O sector primario convive con realidades diversas. Tanto hai persoas que apostan por innovar nas exploracións avícolas ou de vacún como xente que decide non formarse. Sexa como sexa, é preciso reparar no amplo abano formativo que hai hoxe en día ligado a esta actividade, e en que moitas desas aprendizaxes se poden producir de ver e indagar noutras experiencias. É de sinalar o exemplo de Andrea González Río, quen se aventurou na plantación de froita (con alta presenza de variedades tropicais) en Morás. No caso desta muller, a actividade empresarial comezou cando tivo en conta os recursos que tiña xa nunha propiedade familiar (kiwis). A aposta pola produción ecolóxica e por produtos de quilómetro cero tivo unha clara acollida na comunidade, facendo que Tropic Gaia se consolidase na mariña.

 

Identidade rural

Canoura comprende o medio rural como a orixe de todo o que hoxe en día está presente. Cree que existen as “ruralidades”, no canto de un prototipo de medio rural ou de medio urbano. Non todo o rural é a aldea que se atopa a dúas horas dos servizos esenciais, nin todo o urbano son as cidades de 400.000 habitantes.

En xeral, case todo o mundo ten un rural na súa mente, e é esa idea ou esa lembranza a que, ás veces, axuda a retornar ou a regresar (se é o que se precisa). É por tanto importante que esa presenza non deixe de acompañarnos. Vólvase ou non, no rural case todas as persoas teñen unha parte da súa identidade, e a iso non se debería renunciar nunca.