Quen é Iria Vázquez?

Iria rompe moldes e defende que é, ante todo, persoa. Os seus gustos non están dentro dos estándares establecidos por uns roles de xénero que, cada vez, apertan a máis e máis persoas. Pintora de automóbiles, esta vilalbesa atrévese con todo, antepoñendo un sorriso e unha actitude positiva a calquera reto que a rodee.

 

RL

 

Estudos e inserción laboral: Autos Vázquez 4x4

Iria naceu en A Torre (1991), unha aldea ao carón de Vilalba. Con dezaoito anos mudouse a vivir a Vilalba ata agora que regresou ao medio rural para vivir en Cospeito.

Rematada a escola, continuou o primeiro ano de Bacharalato á vez que cursaba unha Formación Profesional de Electromecánica. Por reveses da vida deixou a súa formación, polo que a súa familia lle pediu que se incorporase ao sector laboral. Autos Vázquez 4x4 é un negocio do mundo do motor (conta con servizo de taller, compra-venda, desguace e chapa e pintura) rexentado polos pais de Iria, e foi nese mundo no que Iria decidiu entrar para poder gañar os seus primeiros aforros. Comezou por sacar os carnés que precisaba para facer funcións dentro da empresa, entre eles o de grúa. Pouco a pouco, seus pais fóronlle mellorando as condicións laborais e ela foi ocupando tamén un oco maior na empresa. Aínda que Iria tiña opcións de moverse fóra de Galicia, non quería afastarse da súa familia e, concretamente, do seu avó.

Tras o embarazo da súa irmá, que se ocupaba da labor administrativa do traballo, comezou tamén a formarse neste eido, pero á vez que colaboraba no traballo de taller. Naquel momento a persoa que se encargaba da parte de pintura tivo que deixar o seu posto, coa dificultade que iso sumaba no negocio, xa que ningunha outra persoa de Autos Vázquez tiña os coñecementos para continuar co servizo. A pintura sempre lle gustara a esta moza vilalbesa, aínda que sempre lle dixeran que nunca traballara no sector polos sacrificios que implica. Iria tomou a determinación de falar con Aprevar (Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios) e informárona de que se impartiría unha formación. Recoñece que tivo unha sorte inmensa, xa que a formou unha persoa que, alén de ser formadora, era tamén pintora no seu propio taller. Durante tres meses compatibilizou este período de aprendizaxe co traballo no taller, ata que rematou e xa se ocupou ela da área de pintura do taller. Tamén leva o servizo de grúa e o traballo de oficina, así como as cuestións que implican as novas tecnoloxías.

 

RL

 

 

Igualdade e emprego

Iria traballa nun sector masculino. Recoñece que o feito de traballar no medio rural lle facilita o seu traballo diario, xa que a clientela xa a coñece e xa sabe tamén das súas capacidades. Sen embargo, percibe aínda moitos estereotipos de xénero: aínda se dirixen ao seu pai para pedir orzamentos ou non creen que sexa ela quen repara os vehículos.

Dende a súa familia sempre a apoiaron para que comezase na actividade, aínda que ao principio lles chamou a atención que quixese vincularse ao negocio na parte manual, non no sector da oficina ou da atención ao cliente. Viviu situacións curiosas, coma a de, deliberadamente, escoller como roupa de traballo a funda no canto do mandil, algo que era máis habitual nas mulleres que estaban na empresa. O feito de que a súa familia sempre lle recoñecese a súa valía e as súas capacidades para o traballo foi un factor condicionante para que decidise quedarse a traballar no taller, con independencia das dificultades que viñesen do exterior.

Cree que segue a ser complexo para as rapazas comezar no mundo do taller, de feito soamente coñece a dúas máis na provincia que se dediquen ao sector. Se elas queren achegarse a este tipo de establecemento será preciso que o fagan co título da Formación Profesional superada, xa que se continúa esixindo máis a mostra das habilidades. Os talleres, por outra banda, non están adaptados á diversidade de xénero, tendo por exemplo soamente vestiarios masculinos. Moitas das actitudes machistas que percibe están exercidas por xente nova.

Analiza que existe unha dificultade para ter acceso a unhas mellores condicións laborais se se é muller no canto de ser home. Non expresa isto como exclusivo do medio rural, pero sí que cree que no medio rural se ten un menor acceso (por despoboamento) á diversidade, o que fai que se reduzan as oportunidades para reflexionar sobre conceptos coma a igualdade. Sen embargo, coma se se tratase dunha balanza, o feito de pertencer a unha comunidade pequena ofrece tamén máis posibilidades de vivir a diversidade dos demais dende máis preto, algo que contribúe notablemente ao cambio na poboación.

 

Mocidade e medio rural

As oportunidades do medio rural dependen de cómo as persoas as miren e do desexo que teñan de permanecer no lugar. Recoñece que, aínda que a priori parece que haxa máis oportunidades no sector primario, é posible facer vida case dende calquera sector. Lembra que as comunicacións (e particularmente focalízase nos servizos de autovía) permiten conectar lugares diversos en moi pouco tempo. É preciso pararse a explorar os nichos de mercado que hai en poboacións máis pequenas, pero probablemente esta busca de emprego non pase polas TICs, senón por achegarse aos negocios de maneira presencial. Isto é o que se coñece como mobilidade pendular: desprazamentos por motivos laborais entre diversos contextos, e que conforman espazos de intercambio que reducen o illamento tradicional do medio rural.

Anima a calquera persoa a pensar que é o que verdadeiramente lle gusta e a intentar facelo. Isto, que dito parece unha frase obvia, non o é tanto cando ela explica que non é tan fácil decidirse a exercer determinados traballos cando se forma parte dunha comunidade pequena. Seguen a existir estereotipos ligados a determinados traballos, o que fai que algunhas persoas marchen a núcleos máis grandes para poder dedicarse ao sector.

 

RL

 

 

Orientación laboral e medio rural

Bótase en falta a figura das persoas que, dende os concellos, orienten a quen quere permanecer no rural. Así mesmo, Iria considera que esas figuras deberían ofrecer o amplo abano de posibilidades existentes, independentemente de ter ou non que desprazarse para poder traballar no que se quere. É preciso contar con plans integrais para a inserción laboral de xente nova, nos que se ofreza orientación en diferentes itinerarios formativos. Nesta orientación non se acostuma a ter en conta a pequena empresa, que é clave á hora de asentar poboación.

Para loitar contra a tendencia ao desemprego e estimular a orientación, a formación e a incorporación da xente moza ao seu primeiro posto de emprego é necesario que se promovan os recursos dispoñibles na contorna.

 

Ocio e medio rural

Iria reivindica a presenza dos bares pequenos, das tabernas das aldeas ás que ían persoas de diferentes idades. Eses diálogos interxeracionais que se producían nestes locais permitían que toda a comunidade se sentise parte dunha rede de apoio e sustento, que contribuía a mellorar de xeito notable a calidade de vida.

Recoñece que Vilalba ofrece moitas oportunidades relacionadas co ocio e coa cultura e pensa en pobos máis pequenos que non contan case con programación. Aínda que lle parecería ideal que a cultura chegase a todos os lugares da provincia, cree que a nivel económico e de xestión isto é complicado. Recorda que moitas das persoas que viven no medio rural contan cun vehículo privado co que achegarse a núcleos un pouco maiores, pero que isto depende tamén da vontade de buscar a cultura e de participar dela. Nun toque de humor pregúntase se a praia vai á xente ou se a xente vai á praia. Incita a calquera a reflexionar se se fai un desfrute completo de todas as alternativas que existen a trinta minutos en coche, e lembra que ese é un tempo necesario para calquera desprazamento feito dentro das grandes cidades, ás cales se lles presupón máis programación cultural.

 

Vivenda e medio rural

A dificultade para ter acceso a fincas que poidan edificarse súmase á complexidade do aluguer. Aquelas casas que se atopan en venda presentan uns prezos moi altos, feito que envía directamente á mocidade que quere adquirir unha propiedade a valorar os pisos. Dentro das axudas á rehabilitación, Iria bota tamén de menos máis incentivos para que a mocidade permaneza nos lugares. Sería preciso contar con asesoramento sobre vivendas dispoñibles e tamén sobre sistemas de axudas e subvencións, xa que adoitan ser cuestións complexas ás que non todo o mundo sabe acceder. Cada vez son máis constantes as interaccións entre o medio rural e o medio urbano, xa que non se tratan de espazos excluíntes entre sí. No informe sobre o medio rural do Consello Económico Social (2018) descríbese unha nova realidade de modelo de poboamento. Trátase do movemento da poboación dende municipios máis pequenos a outros con maior poboación (entre 5.000 e 10.000 habitantes), o cal permite un mellor acceso á vivenda, aínda que vaia en detrimento das comunidades máis pequenas.

 

Identidade rural

O medio rural é para Iria sinónimo de vida. Ofrece comodidades e incomodidades, pero é o medio preferente no que ela quere desenvolverse. É moito máis que un fogar que habitar, senón que implica unha relación tanto coa contorna natural como social. Recoñece que ese medio no que se criou lle confire moita da súa identidade, algo que perdería se se fose a unha cidade, xa que se sentiría despersonalizada.