Quen é Isabel Vilalba?

Isabel é unha cara, un discurso, un pensamento coñecido no rural galego. A súa visión sobre o medio rural constrúese dende o principio e tamén dende os primeiros chanzos. Neta de agricultores e propietaria dunha explotación de vacún de leite e fabas, loita porque as persoas que viven no medio rural cheguen a condicións máis xustas e dignas. 

 

RL

 

Estudos de capacitación profesional e primeiros pasos profesionais

Isabel sinala ás súas costas para contar que naceu, no ano 1973, nun núcleo situado preto de Canedo (Lourenzá). Con seis meses, e debido á emigración de seu pai e nai a Suíza, quedou ao coidado dos seus avós. Relata esta experiencia como unha oportunidade de criarse cunha xeración que lle daba unha importancia primordial ao sistema “tradicional” de produción e de consumo. Coñecer ao milímetro o territorio permitía, na época, aproveitar e protexer ao máximo o medio no que se vivía. Isabel medrou, tamén, nun mundo exterior e non só rodeada de persoas da súa idade, senón dunha veciñanza que case funcionaba coma unha cooperativa. Facían as chamadas “aparcerías”, que non eran máis que xestionar as necesidades diarias en conxunto.

Tras o falecemento do seu pai, súa nai regresou á casa e decidiu continuar, xunto cunha cuñada, o proxecto de agricultura que había na casa. Paralela a esta vida nova que estaba a erguerse no seo familiar, Isabel estudou primeiro en Lourenzá e logo en Mondoñedo, no instituto. Chegou, posteriormente, a Santiago de Compostela a estudar Filoloxía Galega, coa intención de comprender mellor a identidade de Galicia. Recoñece que o seu paso por Mondoñedo foi clave na elección dos seus estudos, xa que pisaba aulas que, noutro tempo, habitaran Ferrín, Xohán Cabana ou Cunqueiro. Aquel movemento cara Compostela foi positivo en todas as esferas, e prendeu moitas inquedanzas e sensibilidades nesta laurentina.

Feita a Licenciatura, realizou o Segundo Ciclo de Xornalismo, e logo barallou diversas opcións. Naqueles momentos achegouse tamén máis ao mundo agrario, en parte por cuestións familiares (que a acompañaban dende o principio) pero tamén ao carón do seu compañeiro, que se formara neste eido. Viviu un período de mobilizacións na  rúa por cuestións relacionadas coa taxa láctea e foi achegándose ao seu sentir rural unha emoción moi relacionada coa inxustiza.

 

RL

 

O primeiro contacto de Isabel co Sindicato Labrego Galego foi como participante das mobilizacións que afectaban á realidade do negocio familiar de Canedo. Logo colaborou traducindo uns materiais sobre transxénicos e, posteriormente, comezou a traballar como dinamizadora do local do Sindicato da comarca e xa retornou a vivir á súa casa familiar. Pouco a pouco foi entrando no traballo con mulleres, sendo elixida dende o ano 2002 ao 2012 para dinamizar a Secretaría das mulleres do Sindicato. A nivel internacional tamén fixo importantes participacións (Foro de Soberanía Alimentaria en Mali, Observatorio do Mercado do Leite e Comité de Coordinación da Vía Campesina, en Europa) que a empurraron a participar do Sindicato doutra maneira. Nun momento de alta dificultade para a organización (relacionado coa crise do 2008), Isabel asumiu a Secretaría Xeral.

 

Muller e rural

Vilalba medrou nun mundo de mulleres: mulleres que segaban, mulleres que araban, mulleres que conducían e mulleres que coidaban. Nunca viviu unha división do traballo en función do xénero, pero non tardou en comprender que, noutros fogares, a realidade era diferente. Experimentou a sutil crítica froito de atoparse nun papel disidente, así como viu a dificultade da muller para acceder a determinados procesos de toma de decisións (ligados á xestión da auga ou dos recursos hídricos).

Dende a súa xuventude, Isabel preguntouse cómo era posible que as grandes empresas soamente analizasen o medio rural en termos económicos. Ela, que coñecía a rede que o sostiña todo, sentía que se ignoraba tamén o coñecemento ou as tradicións, facendo así invisible un gran conxunto de pequenas realidades. Esta rebeldía que vén do amor (como defende a cantautora Guadi Galego) foi o principio do activismo que a acompañou durante boa parte da súa vida.

A defensa dos dereitos da muller foi sempre transversal na vida de Isabel, sobre todo analizando a división do traballo á que estas se enfrontan. Na titularidade das granxas é frecuente aínda que elas se manteñan no limbo da axuda familiar, que a nivel documental as deixa nunha situación máis inxusta. Esta subsidiaridade, tamén económica, non recoñece ás mulleres como peza esencial das actividades que se levan a cabo. O SLG impulsou, xunto con outros organismos, a Lei de Titularidade Compartida das explotacións, a pesar da dificultade que se está a atopar para aplicar esta situación. Socialmente aínda non se percibe a necesidade ou a importancia de que as mulleres compartan ese espazo, polo que, segundo Vilalba, sería preciso que dende as administracións se reclame esta igualdade.

 

Sector primario e medio rural

Por suposto, o panorama do sector primario sufriu un forte cambio se se analizan os últimos corenta anos. Vilalba recorda que a clave do sector primario (e, concretamente, na actividade gandeira) non son as macro explotacións dirixidas por poucas persoas, senón os sistemas produtivos que permiten vivir con dignidade a unha gran rede de familias. As granxas non teñen un valor único en función do leite ou da carne que produzan, debemos preguntarnos qué lle aportan ao territorio ou á comunidade. O mantemento dos lugares que se fai polas pequenas unidades de produción implica un aporte positivo imposible de cuantificar para o medio rural.

 

RL

 

Nunha realidade atravesada pola crise enerxética, non debemos esquecer que cada vez será máis custoso achegar comestibles de longa distancia ou continuar aproveitando os combustibles do xeito que o facemos. A crise ocasionada pola pandemia propiciou o inicio da reflexión sobre a capacidade do modelo actual, pero non se continuaron a tomar medidas para mellorar a realidade.

A nivel global houbo un proceso de fuxida do campo, coa perda de valores de usos e costumes que iso trouxo. Non obstante hai alternativas que mostran unha xestión un tanto máis eficiente, como pode ser a xestión das pequenas iniciativas que fai Austria ou a capacidade de Francia para impulsar os mercados a pequena escala. O sentimento negativo que se foi estendendo no rural galego foi empequenecendo a autoestima das persoas que xa facían vida no medio ou que tiñan intención de comezala.

 

Turismo e medio rural

A marabillosa paisaxe que ten a Provincia de Lugo foi sempre coidada pola comunidade local, igual que  foi ese conxunto de persoas o que velou por aqueles elementos identitarios da contorna. O turismo baleiro de experiencias non será máis ca un cadro estéril e de paisaxe unificada cara o que mirar, perdendo os cultivos, os sabores, as construcións ou as falas. É vital entón, para este sector, traballar para que as persoas poidan permanecer día a día no rural, no canto de buscar habitantes estacionais ou ligados a unha única actividade laboral. Inevitablemente, a palabra servizos cruza esta mirada integral do medio rural, sendo o vehículo que permitirá (en gran medida) que as persoas decidan asentarse.

 

Emigración e medio rural

Filla, neta e veciña de persoas emigrantes, Vilalba considera que cando as persoas deixan o lugar que aman se acentúa a valoración ou a identificación coa terra. Compárao con ter na casa unha fiestra que dá ao mar; será máis factible que a bote en falta quen a perde que que a recorde quen a ten presente a cotío. Aínda que seus pais estaban en Suíza, ían ao Centro Galego e continuaban mantendo conexións con persoas do territorio xa que, non se pode esquecer, o seu obxectivo vital era o regreso a Lourenzá.

A idealización ou a aceptación dos discursos que defenden que noutro lugar se vive mellor é máis probable entre as persoas que permanecen na comunidade orixinal. A oportunidade de saír, comprobar e comparar permitiu, en casos coma o vivido por esta familia, comprender mellor os puntos fortes de habitar o lugar rural. 

 

Despoboamento e medio rural

Vilalba analiza a “repoboación” que se está a impulsar dende diversos proxectos a nivel nacional e tamén internacional. Considera que será complexo establecer un proxecto de vida se non hai nin comunidade nin unha rede de servizos. Será preciso, por tanto, imaxinar servizos de calidade pero, seguramente, con características diferenciadas ás das cidades. O feito de que a poboación estea dispersa deberá implicar que, as posibilidades que se ofrezan, sexan diferentes das que se propoñen para unha cidade. Recorda, Isabel, a crise da Covid-19 e a xestión que se fixo sen ter en conta a densidade de poboación.

É esencial traballar para romper ese “pensamento único” de dificultades asociadas ao medio rural, e comezar a poñer enriba da mesa os valores positivos deste estilo de vida. A sociedade deberá tamén ser protagonista nesta reivindicación do rural que se quere e se busca, para o cal será esencial o diálogo entre a administración e a veciñanza. O deseño das comunidades debería entender como protagonistas, en calquera parte do mundo, ás persoas autóctonas dese lugar. Afirma Vilalba que “a peor derrota é a de crer que non é posible algo diferente” e nesta sentenza é onde se ve a influencia negativa que terá o desánimo cara ao repoboamento.

 

Identidade rural

Isabel resume o medio rural coma un espazo de proximidade afectiva, pero tamén como o lugar que é capaz de cubrir algunhas das nosas necesidades básicas (alimentación, hidratación ou relación coa paisaxe). Estas relacións acaban por formar parte esencial dunha persoa, o cal non deixa de ser un “por qué” para permanecer. Recoméndalle a todas as persoas, e especialmente ás novas, que miren ao arredor e que determinen o que é importante para sí mesmas e que, á vez, sexa tamén positivo para o resto da sociedade. Unha vez sabido isto é importante non frear a loita pola conservación. Todas e todos temos posibilidade de facer accións no mundo inmediato o cal, inevitablemente, terá unha repercusión a nivel global.