Quen é María Nogueira?

María é a lente que observa a realidade non só de Castroverde, senón de moitos pobos do medio rural. Fotógrafa e viaxeira de experiencia dilatada, fai un tempo decidiu apostar por cambiar a cidade de Barcelona pola súa vila natal e tratar de achegar a súa especialidade a unha comunidade de poucos habitantes.

 

RL

 

Estudos e primeiros pasos profesionais

María Nogueira ten 36 anos e abriu o seu negocio con 27. Naceu en Castroverde e, con sete anos, os seus pais marcharon a vivir a Lugo para poder compatibilizar mellor as necesidades das crianzas. Establecéronse na cidade pero sempre estiveron en contacto co pobo: os venres recollían o piso e pasaban toda a fin de semana na vila, así como tamén pasaban alí a época das vacacións de verán. 

Despois de pasar por diversas experiencias laborais (foi dependenta en tenda e caixeira nun supermercado grande), estudou Fotografía na Escola de Artes e traballou como fotógrafa en Lugo durante dous anos. Naquel momento xurdiu a oportunidade de ir traballar a Barcelona, onde experimentou a realidade das axencias de modelos facendo retratos para books. Recorda que, para chegar ao seu traballo, collía un tren no que facía un traxecto de hora e media pola mañá e outra hora e media pola tarde. Un día, viaxando no tren ao solpor, comezouse a cuestionar se realmente quería aquel modelo de vida para o futuro; a necesidade de botar raíces comezaba a aparecer e ela non tiña claro que o lugar para facelo fose Barcelona. Falou coa súa empresa e pediu o traslado á sede en Lugo, onde se mantivo durante un ano. Tras aquel final viuse sen emprego nun momento social complicado, influenciado pola crise que se estaba a atravesar. Fíxose necesario naquel momento tomar unha decisión vital tendo en conta cuestións que para ela serían esenciais en calquera traballo.

 

Regreso ao rural e emprendemento: Fotógrafa María Nogueira

Castroverde apareceu como unha posibilidade de futuro á que María se agarrou sen dubidalo:  deixou o seu piso en Lugo en mudouse de novo á casa familiar. A posibilidade de abrir unha tenda de fotografía en Castroverde apareceu case de xeito inmediato, sobre todo despois de decatarse de que era un servizo que estaba ausente na vila. Recorda que a súa familia lle anticipou que sería unha empresa con resultado negativo xa que vían de todo inviable poder realizar este tipo de actividade nun lugar tan pequeno. Sen embargo, María era consciente de que estaba vivindo na súa casa e de que  non había tanto risco coma noutras actividades que emprendera anteriormente, e iso foi o que lle deu o empurrón para abrir.

 

RL

 

En maio do 2012 abriu o seu estudo de fotografía e lembra que a súa primeira clienta foi unha muller que ía a visitar case todos os días para facer copias ou ampliacións de fotos antigas. Debido a que naquel momento o negocio non estaba nun punto álxido en canto á clientela comezou estuduar pola súa conta cómo promover a súa iniciativa empresarial. Así se comezou a meter en proxectos de participación e de colaboración para tratar de impulsar o seu nome. O ano 2013 xa foi un pouco mellor e, no ano 2014, produciuse o estalido do seu negocio: contratou 15 vodas e 35 comuñóns na campaña de marzo a decembro. Aquel pico permitiulle tamén posicionarse en todos os medios tanto dixitais coma escritos, o cal foi un importante pulo para o negocio. Dende fai catro anos vive e traballa en Castroverde, algo que se pode permitir diversificando a actividade do seu negocio:  ten servizo de sesións fotográficas de Nadal, de foto carnet e colabora en proxectos dos concellos.

María sempre tivo claro que o futuro de calquera comunidade rural é que xente nova se quede a vivir dentro dos pobos. O ano que ela abriu o seu negocio, na vila abriron tamén un bar, unhas rapazas tomaron o relevo do supermercado e outras persoas colleron unha pastelaría. Recoñece que o feito de que o perfil de persoas que atende de cara ao público sexa nova atrae a outra xente que podería querer trasladarse ao municipio.

Algo que a empurrou a permanecer no lugar foi o feito de ter viaxado anteriormente e de poder reflexionar sobre o seu propio mundo. Ás veces a viaxe máis importante que se fai é a do desapego, xa que é nos momentos de ausencia cando se pode valorar o que está preto sen idealizar tanto o que está lonxe.

 

Emprendemento e medio rural

A crise da Covid-19 xerou unha situación social determinada por importantes retos aos que foi preciso dar solución dende todos os puntos da nosa demografía. Algo parecido ocorre cando se fala do medio rural: foi necesario observar a situación dende unhas lentes de innovación e de resiliencia. Para o negocio de María, a Covid-19 supuxo un peche completo durante tres meses, así como moita dúbidas sobre o futuro do negocio.

Sen embargo, ela estivo disposta a crear de novo o seu propio traballo, a repensar as actuacións e idear unha nova maneira de chegar á clientela. Conseguiu una empresa, ao principio de todo da pandemia, que personalizarse máscaras certificadas, e vendeu material para toda España. Usa este exemplo para recordar a importancia de estar á vangarda de todos os momentos que se atravesan,  non só se falamos de unha pandemia de carácter mundial senón tamén na vida diaria. Os negocios do medio rural deben apostar tamén pola innovación e por orientarse cara aquilo que se demanda en calquera parte do mundo. Hai en xeral una falta de educación social para o emprendemento, e isto é algo que ataca directamente cara o medio rural, pero que non é exclusivo do mesmo. Unha das razóns máis importantes para que a xente non se chegue a zonas rurais relaciónase coa dificultade preconcebida para iniciar unha actividade. Sen embargo nese discurso esquécese mencionar que tamén nas urbes é complexo comezar a dar pasos laborais: tamén hai falta de seguridade,  desemprego e dificultade para comezar en determinados eidos laborais.

 

RL

 

Da familia de María non foi ela a única que se atreveu a emprender dentro do medio rural.  Súa irmá, avogada, exerceu durante 15 anos nun despacho en Lugo e noutro en Castroverde. Coa chegada da pandemia e coa entrada do seu fillo á escola, esta muller repensou a súa profesión e o seu futuro laboral. O universo floral era algo que sempre lle fixera sentirse atraída e probou a cambiar a toga por unha realidade diferente. Comezou por pechar o despacho da cidade e por facer consultas soamente dende Castroverde. Finalmente aproveitando tamén o tirón da tenda de fotografía de María, creou a marca “Myswalnut”, dende a cal fai todo tipo de arranxos florais.

María lembra que as emprendedoras do século XXI se apoian na globalización para descubrir oportunidades comerciais en todo o mundo,  facendo uso das novas tecnoloxías e conseguindo a través das mesmas ser máis competitivas á hora de colocar os seus produtos no mercado. Unha das principais fortalezas deste negocio ten que ver con que soubo aproveitar un nicho de mercado que existía na zona. Así mesmo, Fotógrafa María Nogueira implícase de xeito activo no desenvolvemento da contorna e na colaboración con outras empresas que tamén desenvolven a súa actividade no concello de Castroverde. Neste caso a formación é crucial, así como o é a capacidade para diversificar os produtos ofrecidos en función da idade dos consumidores ou da época do ano.

Se ben esta muller transmite una gran paixón polo seu emprego comprende que ás veces é preciso compaxinar diversas ocupacións. A Igrexa de Castroverde ofrecía fai un tempo una praza para alguén que puidese estar dispoñible de mañá para facer una atención ao peregrino. Coincidiu que ese monumento se atopa ao carón da súa tenda, polo que non dubidou en adaptar horario da súa tenda a este novo reto profesional.

 

#CastroverdeEstáDeModa

María presentou o proxecto “Castroverde está de moda” (escrito co cancelo)  despois de  dedicarlle un tempo a repensar a habitual feira de artesanía que se facía no concello. Ela, que chegaba do mundo da moda, preguntouse por qué non se podía achegar un desfile de moda a un concello do medio rural. O primeiro ano impulsou a iniciativa a custo cero para o seu negocio. Mobilizou a vinte e dúas modelos, a seis deseñadores de Ourense que se formaran na escola de Felicidad Duce e a profesionais da perruquería e maquillaxe. Todas as persoas achegáronse de xeito gratuíto e aquela iniciativa deixou unha ola de persoas dentro do concello.

Ao seguinte ano continuouse co desfile de moda innovando coa técnica da pintura corporal. Foi no terceiro ano cando María se propuxo comezar a realizar esta actividade de xeito remunerado. Aquel evento, que xa estaba consolidado, é hoxe en día unha data sinalada no calendario das festividades de Castroverde. O último ano que se celebrou, o noveno, María compilou vestidos que fixera a súa nai durante a súa época de costureira, e no último desfile puideron verse tamén aquelas creacións. Esta iniciativa, ademais de contribuír ao desenvolvemento rural atraendo persoas, é tamén unha oportunidade para reivindicar a liberdade que debe acompañar a calquera persoa. Unha das cuestións que María tivo sempre clara é que non existiría a imposición das tallas na pasarela: o seu obxectivo é normalizar a diversidade corporal e derrubar os habituais canons.

 

Vínculo e medio rural

María recoñece que en cuestión de vínculos non hai nada escrito. Para ela o feito de poder achegarse a unha comunidade rural as fins de semana implicaba un alto grao de liberdade que non posuía na cidade de Lugo, nin na nenez nin na adolescencia. No establecemento deste vínculo é crucial a posibilidade de acceder a unha vivenda na que asentar un futuro. A este respecto cree que son os concellos os que deben activarse fomentando a rehabilitación de construcións baleiras a través de incentivos para propietarios. O medio rural conta con medios suficientes para poder poñer en marcha novas oportunidades de emprego, diversificando as actividades e aproveitando os recursos endóxenos.

Se falamos de despoboamento é crucial levar a cabo estratexias que eviten tanto a perda de poboación como o non achegamento cara ás áreas rurais,  máis aínda se falamos de xente nova. Non se pode esquecer que cando as persoas se chegan a un lugar para establecerse no mesmo buscan na maior parte dos casos o acompañamento doutras persoas da comunidade. É esencial coidar os asentamentos das persoas entendendo o non despoboamento coma unha rede: como di María “A xente chama á xente”.

 

Identidade rural

Medio rural é para María comodidade, tranquilidade e calidade de vida. Hai posibilidade de levar unha alimentación saudable e tamén de manter unha conexión co medio natural. Se puidese darlle un consello a calquera persoa do medio rural, diríalle que se atreva a saír experimentar novas realidades.

Equivocarse é sinónimo de poder comezar de novo polo que anima a calquera persoa que teña unha idea relacionada co medio rural a intentar poñela en práctica. Sen embargo isto non supón facelo sen reflexionar as mellores vías de un negocio, polo que lembra a importancia do asesoramento e da formación en calquera iniciativa que se pretende conquistar.