A Vicepresidencia achega a historia do deporte galego a Monforte coa exposición “Galiza. Un pobo, unha selección”
O deputado de Deportes, Efrén Castro, e a tenente alcalde de Monforte, Gloria Prada, inauguraron esta venres a mostra “Galiza. Un pobo, unha selección”, organizada por Vía Galega coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que continúa a súa itinerancia polas comarcas tras expoñerse en Lugo e Sarria.
A exposición, que poderá verse diante da Casa do Concello de Monforte ata o 24 de marzo, repasa a historia do deporte galego, afondando na participación de deportistas do país nos Xogos Olímpicos, na traxectoria das seleccións galegas e na mobilización social arredor do dereito de Galiza a participar con equipos propios en competicións internacionais.
No acto de inauguración, Efrén Castro agradeceu “a acollida da mostra que busca difundir a historia do deporte galego, poñendo en valor participacións olímpicas e outras xestas deportivas, individuais e colectivas, que nos enorgullecen e que cremos que deben ser a base sobre a que seguir traballando para afortalar estruturas deportivas propias nas que os deportistas do país poidan desenvolver o seu potencial competitivo”.
Pola súa banda, Gloria Prada agradeceu “á Deputación de Lugo que trouxera esta exposición a Monforte, porque significa achegar a historia dos éxitos do deporte galego, do noso deporte, e descubrir así que contamos con grandes deportistas que acadaron importantes fitos que merecen ser recoñecidos e postos en valor con exposicións coma esta"
“Galiza. Un pobo, unha selección” está estruturada en diferentes bloques temáticos. O primeiro deles, centrado no dereito a competir, repasa a loita a prol das seleccións deportivas galegas, o peso de Seareiros Galegos desde o seu nacemento nos 90 e a situación de Galiza no mundo deporte, sen representación, en contraposición co que sucede con outras nacións sen Estado que si compiten internacionalmente como Escocia ou Gales.
A selección galega de fútbol é a protagonista do segundo bloque temático, no que se repasa a súa traxectoria desde que disputara o primeiro partido, en 1922 en Vigo ata o día de hoxe, e no que se glosa os logros dos mellores equipos e xogadores do pais, desde o Balón de Ouro Luís Suárez ata Iago Aspas.
O fútbol gaélico tamén protagoniza un dos paneis expositivos, por ser o único deporte no que Galiza compite oficial e internacionalmente propia. Tamén contan con espazo na exposición outros deportes minoritarios nos que Galiza acumula éxitos como o squash, o boxeo, o taekwondo, a loita libre, o tiro con arco ou o xadrez.
A mostra inclúe tamén un panel que repasa o desempeño de deportistas de Galiza nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos, desde os Xogos de Amberes en 1920.
A muller e a súa loita pola igualdade tamén contan co seu propio bloque temático, con lendas do pasado como Irene Basanta ou Xulia Vaquero e representantes do presente como Raquel Carrera, Belén Toimil, Ana Peleteiro ou Julia Benedetti.
O triatlón, os deportes acuáticos ou o ciclismo contan tamén con cadanseu bloque temático. Os deportes tradicionais tamén teñen o seu espazo con paneis nos que se bota luz sobre disciplinas propias de Galiza como a billarda, a chave, a loita galega ou os bolos celtas. Por último, a exposición tamén afonda na calidade do deporte e deportistas de Lugo, nas disciplinas máis descoñecidas e minoritarias e no mundo do motor.
Xunto a mostra distribuirase a revista “Galiza no deporte” e outros materiais divulgativos sobre a historia do deporte galego.