Cultura
Deputación de Lugo

Maite Ferreiro participou na inauguración da mostra “A Ulloa. Fotografías centrípetas” no Castelo de Pambre, en Palas de Rei

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
Maite Ferreiro
A ULLOA.FOTOGRAFÍAS CENTRÍPETAS
mulleres rurais
REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL
INSTITUTO DE ESTUDOS ULLOÁNS
Exposición

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro participou esta mañá na inauguración da mostra “A Ulloa. Fotografías centrípetas” no Castelo de Pambre, en Palas de Rei.

A mostra, comisariada por Patricia Coucheiro e Susana Varela, pon en diálogo diferentes olladas de mulleres ulloás sobre o seu propio territorio e as súas xentes, con imaxes que parten dunha reflexión, crítica ou posta en valor dalgún aspecto relacionado coa comarca da Ulloa.

É resultado dun proxecto impulsado polo Instituto de Estudos Ulloáns que tomou forma expositiva o pasado outubro da man da Rede Museística Provincia de Lugo, dentro do programa “Mulleres Rurais” que aglutina diferentes proxectos artísticos e de memoria arredor das mulleres do rural.

“Na Vicepresidencia da Deputación temos moi presente que as mulleres, especialmente no rural, tiveron/tivemos sempre as responsabilidades, pero non o recoñecemento e a colaboración necesaria. Menos aínda, o protagonismo nos espazos de creación. A todo isto, quere darlle a volta este proxecto. Por iso, nos pareceu obrigado comprometernos con el”, explicou Maite Ferreiro durante a presentación da exposición.

“Contribuír a amplificar a voz de todas as mulleres que participades como creadoras neste proxecto, plasmando en imaxes e textos sensibilidades, experiencias vitais, necesidades e reflexións que axuda nos a entender mellor o rural, especificamente esta comarca da Ulloa. Sermos nós as que tomemos a palabra è un acto de apoderamento, valioso e significativo en si mesmo”, concluíu.

Para dar continuidade ao proxecto fóra de espazos expositivos, Vicepresidencia colobrou na edición dunha proposta pedagóxica dirixida, fundamentalmente, a alumnado de secundaria. Editáronse 200 exemplares que se farán chegar a centros educativos da comarca, co obxectivo de incentivar a formulación nas aulas dun traballo fotográfico ou videográfico baseado nunha reflexión, crítica ou posta en valor dalgún aspecto relacionado co territorio.