Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia achega ao público da Coruña o monográfico sobre a cerámica de Díaz Pardo “A vangarda das formas”

cultura
Maite Ferreiro
O volume, coordinado por Fernando Arribas e Teresa Pena, presentouse esta tarde na sede da Real Academia Galega de Belas Artes

A Vicepresidencia da Depuptación de Lugo presentou esta tarde na Real Academia de Belas Artes da Coruña a publicación  “A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo”, que repasa a evolución creativa de Díaz Pardo dende os primeiros deseños, nos anos corenta do século pasado, ata as icónicas porcelanas de Sargadelos.

O volume, coordinado por Teresa Pena Moreda e Fernando Arribas Arias e editado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, recolle reproducións de máis de 350 pezas deseñadas por Isaac Díaz Pardo, que foron parte da exposición de título homónimo realizada no Museo de Lugo en 2013,  no ano seguinte á morte do artista e intelectual.

A vicepresidenta Maite Ferreiro explicou que “a publicación leva ao papel e dá un novo percorrido a un proxecto expositivo que supuxo un fito xa que A vangarda das formas foi a primeira e, ata agora, única mostra antolóxica e monográfica sobre a obra cerámica de Isaac Pardo”

“Cremos que as institucións públicas debemos comprometernos co coidado e a difusión do legado artístico, cultural e social de Isaac Díaz Pardo e entendemos que a publicación deste catálogo, aínda que sexa modestamente, nos sitúa nese camiño”, sinalou durante a presentación, na que tamén participaron Teresa Pena Moreda e Fernando Arribas Arias,  o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, e o académico e fillo de Isaac Díaz Pardo, Xosé Díaz Arias de Castro, e que contou coa presenza do deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.

A publicación ordena os contidos establecendo tres etapas na evolución creativa de Isaac Díaz Pardo como deseñador, cunha etapa pictórica (1948-1955) na que reproduce nas pezas cerámicas as  características da súa obra pictórica tanto nas formas como na súa produción cromática; unha etapa entre os anos 50 e 60 na que entra de cheo no deseño industrial aplicando os novos principios tanto a nivel estético como á concepcion empresarial, con deseños máis abstractos e xeométricos, e que culmina na creación do Laboratorio de Formas xunto a Luis Seoane; e unha terceira etapa, ligada á recuperación de Sargadelos, na que os deseños adquiren formas totalmente anovadoras e supoñen verdadeiros alardes técnicos: deseños modulares e amontoables ou figuras articuladas, nas que chega a empregar ata corenta elementos na súa composición.

Xunto ás reproducións das pezas, o volume inclúe textos de Camilo Díaz Arias de Castro, Xosé Díaz Arias de Castro, Andrés Varela Martínez e Ramón Villares Paz, que analizan e valoran a traxectoria creativa e o legado cultural e social aparellado á produción de cerámica, así como debuxos e bosquexos e unha serie de carteis didácticos para a organización do traballo nas fábricas de Sargadelos e O Castro.

A publicación, á venda en librarías, presentouse nas últimas semanas en Lugo, Compostela e Cervo.