A música tradicional soará na Praza de San Marcos por Florencio Delgado Gurriarán do 18 ao 26 de maio
A Tradescola organiza un ciclo de actuacións ao aire libre coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación
A Praza de San Marcos acollerá do 18 ao 26 de maio o ciclo “Sons de maio para Florencio Delgado Gurriarán”, a cargo das aulas de música e baile tradicional da Tradescola.
Trátase dunha nova actividade de difusión e promoción da música tradicional organizada pola Tradescola coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo que se suman así aos distintos actos en homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, autor ourensán a quen se dedica o Día das Letras Galegas.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro saudou “a iniciativa da Tradescola que saca a música tradicional á rúa para celebrar as Letras Galegas, unha data de homenaxe, de celebración e tamén de reivindicación da cultura propia”.
As actuacións permitirán gozar dun amplo repertorio tradicional, interpretado por alumnado e docentes da Tradescola, no que non faltarán gaitas, zanfonas, percusións, acordeóns, cantareiras e por suposto bailadores e bailadoras.
18 maio I 20. 00 horas
Aulas de gaita, acordeón e percusión
19 de maio I 20.00 horas
Aulas de zanfona e requinta
23 de maio I 20.15 horas
Aulas de canto tradicional
24 de maio I 20.00 horas
Aulas de canto e baile tradicional
26 de maio I 11.30 horas
Aulas de gaita e percusión