Cultura
Deputación de Lugo

A segunda edición de Celme de Zanfona, do 3 ao 5 de xuño, incluirá unha ampla programación de música na rúa

VICEPRESIDENCIA DEPUTACÍON LUGO
CENTRO DE ARTESANÍA E DESEÑO
EFRÉN CASTRO
Maite Ferreiro
ZANFONA
CELME DE ZANFONA
A formación e a interpretación centrarán as xornadas, que inclúen clases maxistrais de Suso Vaamonde, Òscar Fernández e Antón Castro

Efrén Castro sinalou que "o encontro quere contribuír ao futuro da zanfona e ao enriquecemento do patrimonio musical do país"

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, e a vicepresidenta da Deputación e concelleira de Cultura de Lugo, Maite Ferreiro, presentaron  a segunda edición do encontro Celme de Zanfona, tres días de concertos, clases maxistrais e mesas redondas ao redor deste instrumento milenario, que se desenvolverán do 3 ao 5 de xuño en Lugo.

Baixo o epígrafe “A esencia da zanfona galega: orixe, sons, textos e contextos, instrumento en movemento”, o encontro propón unha programación orientada á formación e á interpretación, incluíndo un amplo repertorio de actuacións nas rúas do casco histórico da cidade para socializar e visibilizar o instrumento.

Efrén Castro explicou que "damos un paso máis no obxectivo de converter Lugo nun espazo de diálogo e de exposición de ideas para seguir xenerando riqueza para o noso patrimonio musical" "Como sinalamos na primeira edición, Lugo cumpriu a través do taller de instrumentos da Deputación de Lugo un papel fundamental na recuperación deste instrumento,e a intención deste encontro é seguir contribuíndo ao futuro da man de grandes de músicos e profesionais da zanfona que temos en Galiza. Por iso, o programa está orientado fundamentalmente á formación e reunirá a gran parte das escolas de zanfona do país", expuxo o responsábel provincial

O coordinador do encontro e director da Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros do Centrad, Luciano Pérez, sinalou que "se o ano pasado centramos o encontro na descuberta de documentos históricos e na construción, esta edición céntrase no importante papel que desempeñan as escolas na formación de futuros zanfoñistas e na busca de composicións para ampliar os repertorios para este instrumento". Do contido destacou "tres clases maxistrais a cargo de Suso Vaamonde, Antón Castro e Óscar Fernández" ou "unha mesa redonda dedicada aos problemas aos que se enfrontan os novos zanfoñistas á hora de buscar compañeiros de formación con outros instrumentos".

A participación nas clases maxistrais, con prazas limitadas a 15 alumnos/as, require inscrición previa a través do enderezo electrónico celmedezanfona@gmail.com.

Instrumento en movemento

Da man da Concellería de Cultura de Lugo e da Asociación de Gaiteiros Galegos, Celme de Zanfona inclúe unha ampla programación de rúa baixo o título “Instrumento en movemento”, con actuacións de intérpretes e formacións de referencia como Germán Díaz, Óscar Fernández, Suso Vaamonde, Francisco do Romualdo ou Sobre Rodas (Luis Caruncho e Carlos do Viso) e Monifates, e tamén cun encontro de escolas de zanfona de toda Galiza.

Maite Ferreiro explicou que o obxectivo "é contribuír á promoción e dinamización deste instrumento e axudar a darlle unha maior visibilidade para a poboación xeral”.

As actuacións serán ao longo dos tres días nas rúas do centro histórico da cidade.