Culmina o Tecer para integrar da Vicepresidencia, con quince alumnas formadas en artesanía e moda
Efrén Castro: “proxectos coma este demostran que a artesanía é unha actividade de futuro”
As alumnas de Tecer para integrar recibiron esta martes os diplomas que acreditan a súa participación neste programa formativo, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa colaboración de Federación de Asociacións do Ambito Social FADAS Lugo.
O acto, celebrado na Capela de Santa María, puxo o broche a oito meses de formación en patronaxe, confección e moda sostíbel no que as quince participantes adquiriron os coñecementos necesarios para desenvolverse profesionalmente nos sectores da artesán e textil.
O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro e a vicepresidentada Deputación de Lugo Maite Ferreiro, que fixeron a entrega dos diplomas, felicitaron “as participantes polo aproveitamento deste programa integral impulsado coa idea de poñer os recursos e os coñecementos cos que conta o Centro de Artesanía e Deseño para xenerar oportunidades laborais tanto na artesanía como no sector textil”.
Ambos destacaron tamén o enfoque co que foi deseñado o proxecto, “asentado en saberes e coñecementos tradicionais, herdados sobre todo das mulleres, pero buscando actualizalos e demostrando que a artesanía é un actividade produtiva e de futuro” e, nese sentido, “agradeceron a implicación no proxecto de deseñadoras e artesás de Lugo que foron abrindo ese camiño, apostando por pequenas producións coidadas, sostibles, vinculadas ás raíces, que teñen un gran recoñecemento”.
Oito meses de formación
Tecer para integrar botou a andar o pasado 15 de setembro, con maquinaria, ferramentas, materiais e mobilidario cedido polo Centro de Artesanía e Deseño para a montaxe do taller de corte e confección no que as quince alumnas, seleccionadas por FADAS entre as súas usuarias, recibiron a maior parte das 638 horas de formación.
Nas distintas sesions, que se desenvolveron ata o 10 de maio, as participantes iniciáronse en técnicas de patronaxe e confección de prendas de vestir, ademais de tomar contacto, a través de conferencias, visitas e demostracións, co novo modelo da industria textil, as boas prácticas de moda sostible e obradoirios artesanias galegos dedicados ao tecido e á confección. Entre as profesionais destes sectores que interviron nesta formación destacan deseñadoras como Tina Cortón –monitora no taller de patronaxe e confección-, Sara Lage, Montse Arias, Karol Farias ou artesás como Idoia Cuesta, Beatriz Valín, Cristina Díaz e Miriam Fernández Otero. Tamén colaboraron na formación Inés Penelas, Traxandaina, María Otero ou a firma “Fíxeno Eu”
Así mesmo, as alumnas contaron con apoio e asistencia para o desenvolvemento de habilidades sociais, motivación para o emprego, alfabetización dixital e recursos para as xestións con diferentes administracións, e un seguimento e acompañamento individualizado por parte de FADAS co fin de optimizar as oportunidades que o programa ofrecía tanto a nivel de formación no oficio, como de inclusión nos ámbitos educativos, socioculturais e laborais. O aproveitamento desta formación integral ofrécelles ás alumnas a posibilidade de obter a Carta de Artesá, o documento oficial que acredita a condición de artesá.
Tecer para integrar veu cubrir un oco na formación de profesionais para o sector textil, inmerso nun proceso de revisión e reestruturación no que se abren paso iniciativas vnculadas á chamada moda lenta e a modelos de produción máis respectuosos co medio ambiente e coas persoas.