Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia impulsa Reque como espazo de lecer co 1º Festival Ecofamiliar, que se celebrará o 16 de xullo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
EFRÉN CASTRO
CENTRO DE ARTESANÍA E DESEÑO
CENTRAD
ESPAZO PERMACULTURAL LUGAR DE REQUE
REQUE
FESTIVAL ECOFAMILIAR
NANAN
Efrén Castro presentou esta proposta cultural e lúdica, con actividades para todas as idades e a actuación do músico e ambientalista brasileiro Nanan

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo promove o 1º Festival Ecofamiliar Lugar de Reque, que se celebrará o vindeiro 16 de xullo a carón do río Rato de Lugo. Trátase dunha iniciativa cultural, festiva e ecolóxica que inclúe propostas baseadas no lecer, na arte e na aprendizaxe vivencial para todas as idades.

O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro explicou que “a realización deste Festival Ecofamiliar enmárcase dentro da programación permacultural que se está desenvolvendo durante todo o ano no Espazo Permacultural Lugar de Reque, con obradoiros e actividades formativas ligadas á permacultura. Con esta proposta cultural e lúdica  queremos presentar este espazo público como un lugar no que disfrutar de actividades de lecer en contacto coa natureza e nun ambiente enriquecedor”.

O programa deste encontro procura atraer un público diverso. Desde persoas interesadas na permacultura ou noutras esferas da ecoloxía, até calquera persoa interesada por experiencias alternativas, innovadoras e cunha base cultural arraigada. Atende especialmente ás familias e crianzas, con diferentes actividades pensadas parq que nenas e nenos disfruten en contacto coa natureza.

A continuación detallamos o programa do Festival, coordinado por Francisca López, do Centro de Artesanía e Deseño, e polo permacultor Alexandre Grande Babarro.

-12:00h Roteiro consciente
José Antonio Recouso guiará un roteiro polo Lugar de Reque e a súa contorna, convidando a reconectar coa natureza e os seus elementos, desde a consciencia e a atención plena aos nosos sentidos.

-12:15h Sesión Kombucha
Naya Bravo desenvolverá un obradoiro sobre alimentos fermantados no que introducirá ás persoas participantes no mundo da kombucha, explicando  a súa elaboración, propiedades, variedades e conservación, ademais de achegarnos un grifo de Kombucha para a súa degustación.

-14:00h Xantar campestre
O espazo queda aberto para que asistentes e familias traian todo o necesario para desfrutar dunha comida ao aire libre e en compañía.

-15:30h Os trotasongs
 Iria Estévez e Gonzo Piña poñen en escena un espectáculo músico-teatral no que uns misteriosos personaxes chamados os Trotasongs aparecerán no 1º Festival Ecofamiliar Lugar de Reque para compartir co público un segredo: a maxia da maleta na que gardan as cantigas que recollen nas súas viaxes a través do tempo e do espazo para protexelas de Móngrimus, o monstro da gran industria musical.

-16:30h Concerto de Gongs
Santiago Nicolás ofrecerá un concerto con este singular instrumento que aprendou a empregar tras formarse con grandes mestres internacionais en países como China, Tibet ou Nepal.
-17:30h Círculo Nai Terra
Sonia Lamas guiará un círculo dedicado á Terra e un taller de pintacaras con cosmética natural e de coroas de flores, dúas experiencias participativas e de celebración da natureza e do espírito comunitario deste espazo permacultural.

-18:00h Biodanza
Naiara González  guiará o taller de biodanza, unha vivencia participativa e integradora a través da música, o canto e o movemento grupais. Unha sesión que nos convidará  a conectar co disfrute e a reencontrarnos coa tribo a guiados polo son, o movemento orgánico e a expresión da nosa voz.

-18:30h Concerto Al abrigo del olivo
Al abrigo del olivo é un proxecto colectivo formado por Cris Nawa, Mou de Lugh, Ooruk Shambo e Naiara González que combina ritmos bailongos e letras reflexivas para lembrarnos a alegría de vivir. Son como eles din “os que rompen o show"


-19:30h Concerto Nanan
O músico, luthier, docente e ambientalista brasileiro Nanan, recoñecido pola súa participación en diversos proxectos ambientais e de difusión da permacultural, ofrecerá un concerto con cancións do seu segundo disco en solitario  “Movemento: Manifesta Sentimento”, unh obra na que consolida o seu compromiso medioambiental.

- De 13.00 a 18.30h. Xogos e artesanía

Durante toda a xornada, as crianzas poderán disfrutar de diferentes espazos de xogo con material natural e obradoiros de creación a cargo da cooperativa Miudiño nos que se potenciará a liberdade de elección e creación da cativada, tendo en conta a importancia que ten para o seu desenvolvemento o xogo, a manipulación e a creación con materiais naturais.

A artesanía tamén será parte desta xornada cultural e festiva coa presenza de cesteiras como Beatriz Valín, Carmen Fieiras, María Otero ou  Carlos Rubio de O Carabel Ecocestos e un taller de debuxo naturalista a cargo de Mariana Roura.