Cultura
Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos acolleu a entrega dos Premios María Luz Morales de investigación audiovisual, que outorga a Academia Galega do Audiovisual

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Maite Ferreiro
PREMIOS MARÍA LUZ MORALES
ACADEMIA GALEGA AUDIOVISUAL
AUDIOVISUAL GALEGO
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora xunto as outras tres institucións provinciais na organización dos galardóns, que recibiron Manuel Barreiro, Severiano Casalderrey, Laura Bacelo e Eire García Cid

O Pazo de San Marcos acolleu este mediodía  a entrega de premios da sexta edición dos María Luz Morales, que convoca a Academia Galega do Audiovisual (AGA) co obxectivo de promover a investigación científica no ámbito audiovisual.

A vicepresidenta Maite Ferreiro foi a anfitrioa do acto que contou coa presenza de Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Patricia Torres Madureira, Deputada de Cultura e Producións Audiovisuais da Deputación de Ourense e María Victoria Alonso. Deputada de cultura e igualdade da Deputación de Pontevedra. A Academia Galega do Audiovisual, entidade organizadora dos premios, estivo representada polo seu presidente, Álvaro Pérez Becerra e o vicepresidente Pepe Coira.

Os premios, que contan coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e das outras tres institucións provinciais, distinguen cun galardón e 1.200 euros dous videoensaios e dous ensaios escritos. Como novidade da presente edición, a Academia inicia unha colaboración coa revista de crítica cinematográfica A Cuarta Parede, que publicará os traballos gañadores.

O xurado formado polo crítico e programador Víctor Paz, a produtora e docente Beli Martínez e a investigadora e xornalista Silvia Roca outorgou catro premios e un accésit.

Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego:

O traballo premiado foi Mamasunción. Na xénese dun novo cinema galego de Manuel Barreiro. O xurado destacou “a coidada aproximación ao contexto de creación da curtametraxe de Chano Piñeiro e o tecido dunha reflexión que transita pola proposta discursiva e formal da peza para analizar á súa pegada na actualidade do cinema galego".

Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional:

O traballo premiado foi A asimilación do "fantástico" nas prácticas da Escuela Oficial de Cinematografía (EOC) de Severiano Casalderrey. En palabras do xurado “Cando se fai un repaso histórico ou se cita o traballo dunha escola ou un movemento cinematográfico normalmente limítanse o número de obras e creadores a aquelas referenciais, quedando esquecidos un número significante de traballos que tamén impulsaron esas cinematografías. Este ensaio reivindica e asume unha importante misión: visibilizar uns traballos en torno a un xénero en auxe, como o é o fantástico, explorados por unha escola pioneira e inspiradora para o cinema feito no estado español como foi a Escuela Oficial de Cinematografía. Este riguroso ensaio demanda o estudo daquelas obras “menores” e que abren camiños á investigación e á historia do cinema e que pode asentar e teorizar as bases do cinema fantástico feito en España.”

Mellor videoensaio sobre o audiovisual galego:

O traballo premiado foi Sobrevivir ao tempo (unha mirada sobre Vikingland) de Lara Bacelo. O xurado salientou que se trata dunha “certeira crítica audiovisual de Vikingland, cun discurso claro, unha narración oral ben estruturada e unha montaxe respectuosa co filme orixinal. Ao tempo que resume con concreción os temas e recursos estilísticos da fita xa apuntados en diversos estudos escritos, achega un valor engadido ao relacionar estas ideas coas imaxes da obra e incluír unha aproximación íntima á percepción da mesma”.

Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional:

O traballo premiado foi Aileen Wuornos presenta: mulleres violentas da posmodernidade cinematográfica de Eire García Cid. En palabras das persoas integrantes do xurado “pola súa agudeza na análise crítica da representación da(s) muller(es) violenta(s) ao abeiro da teoría fílmica feminista e pola maneira na que esta se articula, nunha conseguida peza audiovisual, moi ben fiada tanto no aspecto discursivo, como no visual e o sonoro, que engaiola, divulga e revolve, e sementa en quen a mira o desexo de afondar na temática que aborda".

O xurado quiso distinguir cun accésit a O mundo de Norman de Antón Varela. “Un ensaio pensado e traballado dende a imaxe que, identificando constantes na obra do realizador experimental Norman McLaren, permite divulgar o seu cinema cun discurso accesible. Moi ben editado e investigado”.

Na súa intervención no acto, Maite Ferreiro deu os parabéns ás persoas premiadas e sinalou a importancia de que "as entidades que representan e vertebran o sistema cultural galego como a Academia Galega do Audiovisual teñan interese en organizar este tipo de actos por todo o territorio, optando por fórmulas rotatorias que permiten visibilizar distintos puntos do país como focos culturais".

Destacou tamén o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo con este certame "que fomenta a investigación en materia audiovisual, incentivando e recoñecendo cunha dotación económica o traballo e a iniciativa de investigadores e investigadoras, e contribuíndo, no colectivo, a crear un corpo teórico en galego sobre o audiovisual.  Estas aproximacións teóricas fortalecen e dan solidez á creación e á produción audiovisual galega. Temos que ter recursos propios cos que revisar o que se ten feito e enfocar o futuro. Especialmente nun sector como o audiovisual, con tantas implicacións económicas e sociais, e tan dinámico, pola súa relación coas tecnoloxías e as comunicacións", concluíu.

Na entrega de  premios participaron tamén Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Patricia Torres Madureira, deputada de Cultura e Producións Audiovisuais da Deputación de Ourense e María Victoria Alonso, deputada de cultura e igualdade da Deputación de Pontevedra. A Academia Galega do Audiovisual, entidade organizadora dos premios, estivo representada polo seu presidente, Álvaro Pérez Becerra e o vicepresidente Pepe Coira.

María Luz Morales

Escritora e xornalista, especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX, mantívose en activo ata os 91 anos de idade.