Profesionais da educación compartiron en Reque experiencias sobre as posibilidades que ofrece a natureza como escenario de aprendizaxe
Profesionais da educación compartiron en Reque experiencias sobre as posibilidades que ofrece a natureza como escenario de aprendizaxe
Lugo 12 de xullo de 2022- Educadoras e educadores participaron esta fin de semana no obradoiro sobre educación na natureza organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo no Espazo Permacultural Lugar de Reque. Unha formación dirixida a profesionais da educación no que as persoas asistentes se achegaron ás posiblilidades que ofrecen os materiais e os espazos naturais como escenario de aprendizaxe, con dinámicas e propostas prácticas que poderán desenvolver no seu día a día.
O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro valorou "esta actividade como un paso máis na posta en valor deste espazo natural na contorna de Lugo, que se vai consolidando como un lugar de aprendizaxe e de encontro para a cidadanía”
O obradoiro, impartido por educadoras de Nenea, medrar creando, forma parte da programación que se ven desenvolvendo desde comezos do ano no Espazo Permacultural Lugar de Reque, que inclúe un amplo abano de propostas á permacultura e á sostibilidade.
Festival Ecofamiliar Lugar de Reque
A vindeira actividade prevista neste espazo revitalizado a carón do Rato é o 1º Festival Ecofamiliar Lugar de Reque que se celebrará o sábado 16 de xullo: un evento lúdico pensado para todas as idades que inclúe obradoiros, roteiros, xogos, espazos de artesanía, teatro e música ao longo de toda a xornada.