A Deputación apoia a celebración da Feira do Ano de Gomeán, que incluirá unha mostra de razas autóctona e demostracións relacionadas coas tradicións rurais
A Deputación de Lugo colabora na segunda edición da Feira do Ano de Goméan, coa que a Asociación de Veciños de Gomeán “O Salgueiriño” quere recuperar a tradición das feiras nesta localidade corguesa que antano celebraba unha ao mes. A cita foi presentada este venres no Pazo de San Marcos, coa participación da Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e tamén de representantes do colectivo organizador.
A institución provincial colabora con 4.000€ coa cita, a través das áreas de Medio Rural e de Participación Cidadá, co fin de impulsar esta feira na que os produtos locais e os oficios tradicionais comparten o protagonismo coa gandería, cunha mostra de animais de razas autóctonas e con demostracións de rapa, a cargo de rapadores da zona da montaña, e de pastoreo do gando extensivo con cans de raza Border Collie.
Ademais, a área de Cultura e o Centro de Artesanía e Deseño achegan á celebración do evento a actuación do grupo de música tradicional A Legua Dereita e unha demostración na que se poderá coñecer o proceso artesanal do liño coa Asociación de Mulleres Rurais de Ínsua.
A Vicepresidenta loubou a iniciativa “do colectivo veciñal que reivindica a tradición rural e gandeira do Corgo e que pon en valor os produtos agrícolas de proximidade e formas de manexo das ganderías extensivas adaptadas ao territorio, na liña pola que vimos apostando desde a área de Medio Rural”.
García Porto tamén lle recoñeceu á organización que apostase por “unha cita que dá boa mostra do que dende a Deputación de Lugo non nos cansamos de repetir: que o noso rural non está baleiro, senón que está cheo de ideas e de iniciativas, que necesitan de políticas públicas para saír adiante”. Avanzou, así mesmo, “que a filosofía da feira porque coincide plenamente cunha das nosas liñas de actuación prioritarias, como é o apoio aos sectores produtivos, sobre todo ó sector primario, un sector estratéxico para a nosa provincia”.