O Festival dos Eidos volve a Parada do Courel os días 26, 27 e 28 de agosto
A serie fotográfica "Queimados" de Federico G. Cabezón ocupará o Souto da Rubial e desenvolverase un encontro profesional para impulsar laboratorios veciñais na contorna
A Vicepresidencia da Deputación apoia a organización do festival, no marco da colaboración que mantén coa Fundación Uxío Novoneyra
Poetas de linguas de distintas nacións do Estado darán voz á palabra nesta edición da cita organizada pola Fundación Uxío Novoneyra na casa natal do poeta en Parada do Courel, que tamén contará coa música de Radio Océano, Ruper Ordorika, The Rimbaud Company, Clo Plas, entre outros, ademais da poesía escénica, audiovisuais e o xa clásico roteiro de avistamento de paxaros.
O Festival dos Eidos lembra un libro aberto e comunal e celebra os seus "lugares íntimos, os máis convividos, dos que se ten longa experiencia, hábito de longa presencia, os que un leva estampados dentro", como os definía Novoneyra. Nesta edición serán a horta, o curral, a aira, a Casa-Escola e o Souto da Rubial —que forma parte do catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia— os escenarios dunha cita que reivindica a paixón pola terra e a palabra poética expandida, salvaxe, escénica e en diálogo con outras artes.
Marcos García e Cinthia Mendoça desenvolverán un encontro formativo sobre cultura participada e laboratorios veciñais na Estación Científica de Seoane no que participarán membros de distintos centros culturais rurais de toda a provincia.
A homenaxe que cada ano se lle dedica a Carlos Oroza contará o venres 26 coa participación do poeta e tradutor Nacho Fernández Rocafort e do que foi o seu editor no selo vigués Elvira, Javier Romero. Branca Novoneyra conducirá este acto que lembra ao autor do emblemático poema Se prohíbe el paso, que consolidou a súa obra 'Eléncar' nas longas tempadas que viviu na casa de Novoneyra en Parada.
A poeta Nieves Neira presenta no souto Trenza, acompañada por Cris Vilariño e Olalla Caamaño, unha performance con poemas do seu libro Neve de Agosto. Con anterioridade, este xoves 18 de agosto ás 20:00 horas na Praza de Castelo de Becerreá, poderase desfrutar da acción que abre a programación expandida do festival que desborda as datas e os lugares da cita estival. Pola tarde do sábado 27 terá lugar no curral da Casa da Fonte o recital central con voces emblemáticas como Lupe Gómez, Joseba Sarrionandía e Manolo Rivas.
O domingo 28 a xornada comezará da man do ornitólogo Xabier Vázquez Pumariño cunha actividade que nunca falta: a ruta polos paxaros que poboan 'Os Eidos'. Ademais, o festival acollerá un micro aberto para ler xuntos, público e artistas, o Libro do Courel que dá nome ao festival.
Enxeito, Ruper Ordorika, Radio Océano, Clo Plas, The Rimbaud Company, Xico de Cariño e Alberto Mvundi Trío, Dj Tristón e Sergio Canay darán música a esta edición. A Casa-Escola acollerá durante toda a fin de semana estreas dos realizadores Bruno Arias e Pilar Astray.
Nesta cita, o acto de apertura celebrará o trinta aniversario da exposición dos castiñeiros "Queimados", serie fotográfica de Federico García Cabezón, pendurada no souto comunal da aldea de Parada que lembrará o pesar pola natureza queimada dunha serra que é un libro, 'Os eidos', obra que xira á volta deses lugares de pertenza, referencia física, literaria e social das terras altas da montaña luguesa. As entradas poden adquirirse aquí.