Cultura
Deputación de Lugo

Rematado o mural homenaxe a Rosalía da Castro na contorna do Parador de Vilalba

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
Maite Ferreiro
ROSALÍA DE CASTRO
MURAL
PARADOR DE VILALBA
O grafiteiro vilalbés Pablo Lage "Van Kraft" encargouse deste proxecto artístico, impulsado polo IESCHA co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, visitou este martes, acompañada por representantes do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), o mural homenaxe a Rosalía de Castro realizado polo grafiteiro e deseñador vilalbés Pablo Lage Van Kraft na contorna do Parador de Vilalba durante a pasada semana.

O deseño , titulado “A fiestra de Rosalía”, retrata a autora na súa representación máis icónica, cunha gama de cores cálidas, propias da paleta cromática da Terra Chá e adaptadas ao entorno no que se realiza, a carón do xardín da Torre dos Andrade e na área de influencia do trazado do Camiño Norte ao paso pola vila. Ocupa unha superficie duns 80 metros cadrados, na fachada lateral dun edificio particular, situado na encrucillada entre a rúa Conde Pallares e o acceso ao xardín do Parador.

“Despois de varios meses de trámites administrativos, seguindo rigorosamente a normativa de patrimonio en canto a formas e cores, e do traballo artístico de Pablo Lage, podemos gozar dun mural de  recoñecemento da figura de Rosalía de Castro, unha das grandes figuras do noso país, que pouco a pouco vai ocupando o lugar que merece”, explicou Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, que impulsou o proxecto artístico, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Maite Ferreiro sinalou a oportunidade que “o auxe da arte urbana ofrece para achegar referentes culturais como Rosalía de Castro a un público maioritario, especialmente ás xeracións máis novas” e encadrou o “apoio a esta iniciativa do IESCHA na liña de traballo que ven desenvolvendo a Vicepresidencia da Deputación de Lugo para divulgar e poñer en valor a figura da autora, con programacións anuais que inclúen intervencións artísticas e representacións teatrais nas diferentes comarcas”.

En concreto, neste 2022, desenvolvéronse 10 representacións de obras teatrais inspiradas na autora -“Libre coma os paxaros” de Teatro do Atlántico e “A viaxe de Rosalía” de Larraitz Urruzola-- e outras nove intervencións murais en recintos educativos, entre eles,o CEIP Mato Vizoso de Vilalba.