A Vicepresidencia da Deputación colabora coa Feira do Libro de Foz, instalada ata o domingo no Praza Conde Fontao
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro asistiu este xoves á inauguración da Feira do Libro de Foz, instalada na Praza Conde Fontao ata o domingo 21 de agosto.
No acto, no que interviu como pregoeira a escritora burelà Antía Yáñez, Maite Ferreiro manifestou "o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a estes formatos de feira ao aire libre, que dinamizan as vendas das librerías e crean un ambiente propicio para o achegamento á lectura por parte de todos os públicos, con presentacións, sinaturas de libros e actividades de promoción da lectura" e, tomando como referencia a figura do recentemente falecido Suso Fernández, da Librería Bahía de Foz, recoñeceu "a achega de libreiros e libreiras á vida cultural das nosas vilas"
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén unha colaboración anual Federación de Librerías de Galicia para apoiar as feiras que se celebran na xeografía da provincia ao longo do ano. Tamén toma parte nelas coa presenza dun posto Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, que canaliza as distintas iniciativas relacionadas co libro que desenvolve a área de Cultura, a través da edición ou da colaboración con firmas editoriais, cinguíndose neste eido a publicacións, estudos e ensaios sobre a historia, a etnografía, a arte, a arqueoloxía ou o patrimonio das distintas comarcas da provincia.
Estas publicacións, que poden ollarse no posto institucional, poden adquirirse logo nas casetas das librarías instaladas na feira. Ademais, o programa da feira inclúe a presentación de dúas das últimas publicacións participadas pola Vicepresidencia da Deputación: "Ciencia e conciencia. Historia social" de Fernando Villapol e "O segredo dos trasnos" de Xosé Manuel Espiño.