Cultura
Deputación de Lugo

Música, baile, artesanía e xogos populares na Feira do 48, organizada por Cántigas e Frores co apoio da Vicepresidencia da Deputación

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
Maite Ferreiro
FEIRA DO 48
CÁNTIGAS E FRORES
música tradicional
BAILE TRADICIONAL
O quiosco da música da Praza Maior de Lugo será o escenario da Feira, que comezará con Cantos de Taberna nas rúas do centro histórico

 A Asociación Cultural Cántigas e Frores organiza, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo, unha nova edición da Feira do 48, que se celebrará os días 10 e 11 de setembro na Praza Maior.

Coa premisa de revivir o ambiente das feiras de antano na cidade,  o colectivo cultural lucense programa dúas xornadas de actividade ao redor da música e do baile tradicional con actuacións e ruadas das súas
propias formacións e doutros grupos de referencia como O Fiadeiro, Lagharteiras , Tres Pesos ou PerGuiZán.

Xunto á ambientación musical, a Feira do 48 dá espazo tamén á artesanía e aos oficios vinculados á construción de instrumentos e ao traxe tradicional, aos xogos tradicionais e populares -coa colaboración de Xotramu- e á gastronomía, coa presenza dunha pulpeira.

Como novidade, nesa quinta edición, o programa comeza o sábado pola mañá con Cantos de Taberna en distintos locais de hostalería da rúa Nova e da rúa da Cruz, que se sumaron á iniciativa.

O xornalista Paco Nieto será o encargado de inaugurar oficialmente a Feira coa lectura do pregón, un convite co que Cántigas e Frores quere recoñecer a súa traxectoria como referente radiofónico da cidade e agradecer e subliñar a importancia do apoio dos medios de comunicación na promoción da música tradicional e da labor da propia asociación.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro animou a "lucenses e visitantes a desfrutar da Feira do 48, que retoma como escenario un lugar emblemático para este tipo de celebracións como o quiosco da música" e lembrou "o éxito de pasadas edicións para anticipar unha gran participación".

A Feira do 48 toma como referencia cronolóxica o 1948, ano da fundación de Cántigas e Frores, que desde aquela ven traballando na promoción da música e do baile tradicional desde distintos eidos, incluída a ensinanza.