Dezasete obradoiros participan no ArteSanFroilán, que promociona a artesanía lucense na “gran festa do outono galego”
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro inaugurou este mediodía a feira de artesanía ArteSanFroilán, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño. Dezasete obradoiros artesáns venderán os seus produtos na Praza Anxo Fernández Gómez, detrás do Concello de Lugo, ata o vindeiro 12 de outubro.
Ao abeiro das festas patronais de Lugo, despréganse de novo os expositores na rúa como un activo cultural xa consolidado na cidade. Maite Ferreiro, que percorreu os postos acompañada polo tenente alcalde de Lugo, Ruben Arroxo, convidou a “lucenses e visitantes a se achegar a esta praza para comprobar de primeira man a calidade da artesanía galega, con elementos únicos que reflicten a creatividade e a habilidade técnica de artesáns e artesás e os novos camiños que se abren para os oficios tradicionais na sociedade actual”
Os obradoiros participantes na mostra exporán pezas de creación e produción propia, con materias primas de noso como a madeira, coiro ou cerámica. Estará aberta ao público en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas, con acceso de balde.
Obradoiros participantes
Textil, cerámica e coiro predominan na mostra, na que repiten obradoiros habituais.Así, poderanse ver artigos de mesa como as vaixelas de Mi madre no me deja ou os bonecos de personaxes de anime feitos con lá da man de Amigurumis Janu.
As delicadas técnicas mixtas de Imavi a través dos seus complementos artesanais volven estar presentes nesta mostra, así como as personaxes de amigurumi e miniaturas fantásticas de resina moldeable de Lucecús.
A artesanía textil con tecidos tradicionais, históricos e contemporáneos esta representada por Fusaiola, mesturanda tradición e innovación polo traballo en teares de alto e baixo lizo, así como outras técnicas aplicadas.
Tamén estará presente a marroquinería de Rappa Taller con carteiras, pulseiras e mochilas, ou as axendas, boinas, moedeiros e bolsos de Tres Caracoles, Fonte Meimil, e Senda Coiro. Vidal Revilla ofrece as súas fundas de lentes, cintos e portadocumentos. Así mesmo, poderase ver calzado deste material con Bolboretas de Coiro.
As persoas que se acheguen á mostra terán á súa disposición para ver e mercar moda pintada a man por Rami de Patapún, ou complementos de Mis Marinillas. Tamén formarán parte o obradoiro de cerámica artesanal e obxectos decorativos Regal Cerámica, La Bellota Mágica e Ceniza de Papel con pezas de cerámica e alfarería.
Enxógate aportará unha visión distinta da artesanía, con xoguetes e xogos que nacen da talla da madeira para estimular a mente e mellorar as capacidades.
O ArteSanFroilán chega este ano ás vinteseis edicións, poñendo en valor a cultura nas rúas mediante a artesanía, e dinamizando uns días especiais para os lucenses con propostas que recuperan e poñen en valor as nosas orixes e a evolución das técnicas empregadas.