Os Bolechas, estrelas da feira agrogandeira ExpoLugo A Rural para a rapazada
As nenas e nenos que visitaron esta fin de semana a feira agrogandeira ExpoLugo A Rural contaron cos Bolechas como guías para percorrer a mostra de animais de razas autóctonas e os postos de produtos agroalimentarios presentes no Pazo de Feiras e Congresos.
Os personaxes creados por Pepe Carreiro acompañaron ás rapazada polas distintos puntos do espazo expositivo, con exemplares de cabalo de pura raza galega, porco celta, galiña de Mos, ovella e cabra galega, e vacún de raza rubia galega e das razas cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa, expoñendo para os máis pequenos a importancia do traballo dos gandeiros e gandeiras.
Estas visitas guiadas, con catro pases -sábado ás 17.45 h e ás 18.45 h e domingo ás 11.45 e ás 12.45 h-, son parte dunha colaboración máis ampla entre Medio Rural da Deputación e Edicións Bolanda, que inclúe a edición do libro “Os Bolechas viaxan da escola á granxa” que desenvolve dun xeito didáctico os obxectivos do programa "Da escola á granxa", co que a área dirixida por Mónica Freire impulsa 72 visitas e actividades divulgativas con escolares de primaria en 24 granxas das distintas comarcas.