A  Vicepresidencia da Deputación apoia a raíz gandeira e popular das San Lucas, que comezan o xoves en Mondoñedo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
SAN LUCAS MONDOÑEDO
FEIRA CABALAR
Efrén Castro presentou o programa das festas xunto á  Asociación As Lucas e membros da corporación municipal

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos  acolleu esta mañá a presentación da 866 edición das San Lucas de Mondoñedo, que contan unha edición máis co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo cunha achega de 20.000 euros. O deputado Efrén Castro na que participou tamén o presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Paz, o pregoeiro desta edición, Modesto Díaz, e o alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, así  como representantes da corporación municipal.

O mundo do cabalo será protagonista das San Lucas co paso dos cabalos polas rúas e Praza da Catedral de camiño á feira (luns 17, ás 18.00 horas), así como o propio mercado (martes 18, todo o día),  diferentes certames morfolóxicos e de andadura e unha exhibición de doma nocturna espallados ao longo dos festexos. A organización destacou nese senso a celebración por primeira vez dentro da feira do I Concurso de Andadura de Cabalo Marchador Galego, coa colaboración de Puraga, coa que se pretende poñer en valor a raza autóctona.

A programación artellada arredor desta raíz gandeira e popular da feira inclúe diferentes actividades que comezarán o xoves 14 co volteo das campás maiores da Catedral (13.00 horas) e  a lectura do pregón a cargo de Modesto Díaz (20.30 horas), involucrado durante anos na organización das feiras e festas e que, segundo adiantou, prepara un pregón baseado na súa experiencia vital como “un sanluqueiro e un gandeiro máis”.

As San Lucas 2022 manteñen citas culturais tamén tradicionais como a homenaxe e ofrenda floral a Pascual Veiga no Cemiterio Vello (domingo 16, ás 13.00 horas) e un encontro folclórico coa participación dos grupos A Subela, de Foz, Dambara, de Burela, Amado Lar, do Valadouro, e Asubios da Chaira, de Cospeito (domingo 16, ás 18:00 horas), ás que se suman espectáculos de narración oral e teatro.

Efrén Castro destacou “a raíz gandeira e popular das San Lucas” e ratificou “a disposición da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para colaborar co tecido asociativo e cos concellos en citas coma estas que poñen en valor a tradición ligada ao rural e á gandería”. O responsábel provincial lembrou e agradeceu “o traballo realizado pola Asociación As San Lucas, con Miguel Souto á fronte nos últimos anos” e desexou á nova directiva “éxito na tarefa de dar continuidade a unha feira de referencia en Galiza”.