Colectivos vinculados á conservación do patrimonio lúdico e docentes arrouparon a presentación de "Xogos tradicionais para tempos de recollida"
A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos encheuse para a presentación do libro "Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida", editado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través do Servizo de Publicacións.
Integrantes de asociacións relacionadas coa conservación e difusión do patrimonio lúdico e docentes acudiron ao acto organizado pola área de Cultura para dar a coñecer a publicación, que recompila 63 xogos tradicionais, ademais dunha guía de figuras de papiroflexia e outra para deseñar enredos e xoguetes feitos con tapóns de cortiza.
O volume ten a súa orixe nun proxecto do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, que durante a pandemia se ocupou de difundir a través das redes sociais e das súas propias canles dixitais xogos tradicionais adaptados cunha dinámica axeitada a un espazo e un número de participantes reducido, como aconsellaba a situación de pandemia, e impulsouno como proxecto editorial a Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta.
O libro describe e ilustra a práctica de xogos como o "vexo-vexo", "o abellón", "as palabras encadeadas", "a roda", "o pulso dos plgares", "o pulso dos pés", "a goma", "a pita cega", "a mariola", "o muiño", "as chapas", "os pelouros", "o tiramillos" ou "os birlos", propoñendo, no caso dos xogos que precisan materiais, o uso de obxectos ou elementos que se poden atopar sen dificultade na casa.
A vicepresidenta da Deputacíon de Lugo Maite Ferreiro sinalou na presentación "o interese posto polas asociacións vinculadas á recuperación do patrimonio lúdico neste proxecto" e "o valor engadido
que achegan ao libro as ilustracións de Iván Mouronte, autor dos deseños que acompañan a descrición dos xogos", e avanzou que a área de Cultura "distribuirá exemplares aos centros educativos da provincia e aos
centros de atención a maiores dependentes da Deputación, como material de apoio para o desenvolvemento educativo e cognitivo".
No acto interviron tamén Paco Veiga, da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, e Noelia Darriba García e Manuela Vázquez Coto, autoras do prólogo, que repasaron a orixe do proxecto, inicialmente en rede con outras iniciativas de difusión de recursos lúdicos e educativos, e os criterios de selección dos xogos e estrutura do libro; así como Iván Mouronte, que se detivo na achega das ilustracións á obra.