Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural da Deputación colabora con Puraga na  segund a edición da Feira do Cabalo Galego o vindeiro domingo en Lourenzá

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
CABALO GALEGO
PURAGA
Lourenzá
ANDADURA

Lourenzá acollerá o vindeiro domingo 23 de outubro a segunda edición da Feira Exposición do Cabalo Galego, organizada pola Asociación de Criadores de Pura Raza Galega (Puraga) coa colaboración de Medio Rural da Deputación de Lugo.

Durante a xornada, no recinto feiral laurentino, celebraranse diferentes probas e certames morfolóxicos e de andadura, entre elas, as finais do Campionato Galego Morfolóxico Oficial  de Pura Raza Galega de sementais e eguas, e tamén as probas finais do Campionato Galego de  Andadura de Cabalo Marchador Galego,  nas modalidades serrada e chapeada. O prazo de inscrición para participar nas probas permanecerá aberto ata o vindeiro 20 de outubro.

A feira inscríbese no traballo de conservación e promoción do cabalo de pura raza galega que desenvolve Puraga desde a súa creacion, e incide especialmente na recuperación do cabalo marchador galego que a entidade está a abordar a través dun proxecto específico de selección e cría de poldros marchadores.

A deputada Mónica Freire explicou que “desde a área de Medio Rural da Deputación de Lugo vimos colaborando con Puraga en diferentes proxectos de promoción do cabalo galego ao longo destes tres últimos, desde a busca de vías de comercialización da carne ata o apoio a iniciativas de silvopastoreo, incluíndo tamén feiras e certames coma este que reforzan a visibilidade e o prestixio dunha tradición gandeira moi ligada ao monte e  que ofrece grandes posibilidades na conservación dos espazos naturais e na prevención de incendios”

A través da colaboración con Puraga, Medio Rural apoia outras iniciativas de recuperación do cabalo galego como o Concurso de Andadura de Cabalo Marchador Galego, que se celebra mañá martes no marco das San Lucas de Mondoñedo.