Cultura
Deputación de Lugo

O  Entroido centrará a xornada  de literatura de tradición oral que organiza a AELG co apoio da Vicepresidencia

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
AELG
TRADICIÓN ORAL
Entroido
O encontro celebrarase o sábado 22 de outubro no Pazo de San Marcos

O Pazo de San Marcos acollerá o sábado 22 de outubro  a XIV Xornada de Literatura de Tradición Oral “Entroido. Transgresión e tradición”, organizada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A xornada contará con conferencias e mesas redondas nas que se afondará nas manifestacións do Entroido desde distintos eidos, desde a a arqueoloxía ou a xestión do patrimonio cultural ata a iconografía ou a artesanía, deténdose, especialmente, en aspectos relacionados coa simboloxía das máscaras tradicionais.  Así, entre as intervencións cóntanse as de Felipe Senén, Julio I. González Montañés, Nieves Amado Rolán, Mercedes Vázquez Saavedra e Xosé Manuel Seixas.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro e os coordinadores da xornada e vogais da  AELG en Lugo, Antonio Reigosa e Lois Pérez, convidaron a participar na xornada, que ampliará o traballo de documentación e difusión da tradición oral que a AELG ven desenvolvendo con esta iniciativa desde 2008.

A inscrición para esta décimo quinta edición é obrigatoria e de balde. As persoas que queiran dispor da homologación da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, por un total de 8 horas, deberán cumprimentar a inscrición a través da páxina web da AS-PG. Aqueloutras que desexen recibir un certificado de asistencia por parte da AELG, e as que queiran asistir sen obter homologación nin certificado, deberán inscribirse enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org , indicando nome, apelidos e DNI.