Maite Ferreiro asinou a compra da parcela na que se ubica a Torre de Caldaloba, o que certifica a incorporación deste ben ao patrimonio público
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro asinou este venres a adquisición por parte da Deputación de Lugo da parcela na que se ubica a Torre de Caldabola, en Pino, en Cospeito.
A compra dos terreos, que inclúen a metade da edificación e o sistema de fosos e contrafosos defensivos do perímetro, trasladouse a documento público formalizando a adquisición da parcela e, polo tanto, a súa incorporación ao patrimonio público, o que supón un fito na historia da protección dos bens patrimoniais en Galiza.
Maite Ferreiro agradeceu ás persoas ata agora titulares da propiedade a súa colaboración para chegar a un acordo de venda histórico e mostrouse confiada “en lograr nos vindeiros días un acordo coa Xunta de Galiza para seguir avanzando en acadar a propiedade pública da totalidade da Torre e da súa contorna de protección e desenvolver un proxecto de recuperación, consolidación e posta en valor que reflicta a súa importancia patrimonial, histórica e simbólica para Galiza”.
A sinatura do contrato de compravenda coa antiga propiedade, ante notaria, completa o proceso de adquisición da parcela, iniciado coa aprobación do procedemento en Xunta de Goberno o pasado 29 de xullo.